Partido Popular de Lugo

O PPdeG APOIARÁ ALTERNATIVAS PARA A COMPRA DA PLANTA DO GRUPO PASCUAL SEMPRE QUE GARANTAN A SÚA VIABILIDADE DE FUTURO CON INDEPENDENCIA DAS AXUDAS QUE POIDA ACHEGARLLES A XUNTA

Santiago, 14 de outubro de 2009.- O Partido Popular de Galicia reafirma a súa disposición a apoiar alternativas para a compra da planta do Grupo Pascual, en Outeiro de Rei, sempre que estas garantan a súa viabilidade de futuro con independencia das axudas que poida achegarlles a Xunta para contribuír ao seu funcionamento.

A voceira de Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, argumentou hoxe no Pleno da Cámara o voto en contra a unha iniciativa do BNG dirixida a que a Xunta financiara a compra por parte das cooperativas agrarias galegas salientando que a Administración “non pode apoiar proxectos que non ofrezan garantías de ser viables por si mesmos”. A deputada insistiu en que a Xunta pode apoiar economicamente un proxecto viable por si mesmo, pero considerou que non é admisible que as axudas da Administración constitúan o único elemento que garanta esa viabilidade. 

O PPdeG presentou unha emenda á proposición non de lei dos nacionalistas de forma que na iniciativa quedara garantida a viabilidade do proxecto empresarial das cooperativas galegas para explotar a fábrica, emenda que foi rexeitada, polo que o Grupo Popular non puido votar a favor da iniciativa ao non incluír esas garantías irrenunciables.