Lugo, a 14 de outubro de 2009.- O Partido Popular de Lugo, ante informacións publicadas hoxe nos medios de comunicación sobre a presentación dunha moción de censura no concello de O Courel, confirma que ata agora voceira do Partido Popular neste municipio Dolores Castro e o resto dos concelleiros populares xa non forman parte do partido.
Dende o PP lucense indícase asimesmo que Dolores Castro e os seus compañeiros puxeron en coñecemento dos máximos responsables do partido provincial a súa intención de manter conversas con outros membros da corporación municipal de O Courel para sacar adiante a mencionada moción de censura.
No transcurso das reunións mantidas nos últimos días para abordar este asunto e coñecer de primeira man os argumentos esgrimidos polos integrantes do grupo municipal popular, dende a dirección provincial en ningún momento se respaldou a proposta plantexada pola xa ex voceira popular e os seus compañeiros.
Ante a negativa a apoiar este proceso, Castro Ochoa comunicou á dirección provincial do Partido Popular a súa decisión e a dos seus compañeiros de causar baixa no partido, baixa que xa é efectiva.
Dende o PP lucense tamén indican que, aínda que non comparten a decisión, comprenden os motivos expostos polos ex concelleiros que consideraron axeitado, dada a situación que está a vivir o municipio, antepoñer por riba de todo os intereses dos veciños.