Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG EXCLÚEN AO GRUPO POPULAR DA NEGOCIACIÓN DO ACORDO ACADADO NO PLENO EN RELACIÓN CO SECTOR LÁCTEO

Santiago, 13 de outubro de 2009.- Os partidos da oposición, PSOE e BNG, deron hoxe mostras da súa falta de cortesía e da súa alerxia ao diálogo ao excluír ao Grupo Popular da negociación do acordo acadado no Pleno do Parlamento en relación coa moción dos socialistas sobre as medidas contidas no borrador do Plan Estratéxico para o Sector Lácteo galego, presentado pola Consellería de Medio Rural o pasado mes de xullo.

Na negociación previa á votación da dita moción, ámbolos grupos presentaron unha proposta pechada, negándose a ter en conta as achegas que os populares estaban dispostos a facer para apoiar a iniciativa. O Grupo Popular lamenta que socialistas e nacionalistas intenten silenciar a opinión do partido que ostenta a maior representación dos cidadáns.

No debate da moción, a deputada popular Emma Álvarez Chao salientou que “non imos impoñer desde o Parlamento ningún  plan estratéxico ao sector, tal como fixo o Ministerio”, senón que, explicou, “coincidimos coa Consellería na necesidade de consensuar co sector o Plan Estratéxico presentado ao Consello Agrario en xullo”. Así mesmo, Álvarez Chao subliñou que na súa moción, os socialistas instan á Xunta a que “faga algo que xa está a facer”, ademais de solicitar algo “que vostedes saben que é ilegal”, xa que a lei establece un máximo de 7.500 euros para as axudas directas ás explotacións e “vostedes piden dúas axudas directas, unha delas xa por este importe”.

A deputada suxeriulles aos socialistas que “en lugar de pedirlles máis esforzos aos galegos” esixan ao Goberno central “que acheguen axudas aos nosos gandeiros de, polo menos, a mesma cantidade que achegou o Goberno da Xunta” e lembrou, nese sentido, que a ministra de Medio Rural, nun acto celebrado recentemente en Santiago, afirmou que as axudas ao sector lácteo eran “pan para hoxe e fame para mañá” e que non era “cuestión de diñeiro, senón cuestión de concepto”.

Emma Álvarez remarcou que tales afirmacións da ministra, “unido ao flamante presuposto que dí manexar” evidencian que o Goberno de Zapatero “non quere investir no sector lácteo”. “Non imos recibir axudas directas do Goberno central para o sector”, engadiu a deputada, quen pregoulle aos socialistas que “non teñan o cinismo de pedir aquí o que non queren darlles en Madrid”.