Partido Popular de Lugo

Barreiro avoga pola tolerancia para o galego e reivindica a recuperación do casco vello lucense durante a apertura da porta Miñá

Lugo, a 12 de outubro de 2009.- O Presidente do Partido Popular lucense José Manuel Barreiro avogou hoxe durante a apertura simbólica da Porta Miñá por aplicar a tolerancia no uso do galego, do que dixo “é a noso principal sinal de identidade”,  e reivindicou a continuidade do traballo de recuperación do casco vello lucense coma un xeito de “conservar o noso legado histórico”, un obxectivo para o que é precisa a colaboración entre a iniciativa privada e as institucións.

Barreiro, que tivo palabras de felicitación para as pilares e de “respeto e loubanza” para todas as forzas de seguridade do Estado, amosou o seu agradecemento e a honra que “como lucense” supón poder abrir unha porta da muralla, “a máis antiga e que se mantén menos alterada” e “outro dos emblemas da vella e da nova Lucus Augusti”, durante as festas patronais de Lugo.

“A esta emoción persoal como lucense, únese unha euforia nostálxica porque de  neno pasei moitas veces por baixo deste arco de entrada o barrio da tolerancia que tamén espertaba moito interese en min e nos meus compañeiros e non precisamente polo feito de que fora un dos barrios máis enxebres e o que presentaba os vestixios máis antigos de Lugo”, explicou.

A concelleira popular Cristina Ares, quen  foi a encargada de presentar a José Manuel Barreiro, loubou pola súa banda a súa traxectoria vital como político pero tamén como académico e do que dixo “aúna sabedoría, capacidade de traballo, responsabilidade e paixón, cualidades que caracterizan só ós mellores políticos. É hoxe en día o máximo referente do galeguismo político e creador dunha escola de políticos que defenden por riba de todo o contacto directo e a resposta áxil dende tódalas institucións públicas ás demandas dos cidadáns de a pé, é dicir, ós problemas de todos e todas”.