Partido Popular de Lugo

O PPdeG CONSIDERA QUE OS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO PRESENTADOS PARA 2010 NON SON OS QUE GALICIA PRECISA PARA REMONTAR A CRISE ECONÓMICA

Santiago, 30 de setembro de 2009.- Tras un primeiro estudio do proxecto entregado onte polo Goberno central no Congreso dos Deputados, o Partido Popular de Galicia considera que os Orzamentos Xerais do Estado para 2010 non son os que Galicia precisa para remontar a crise económica. O voceiro de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy, fixo esta mañá en rolda de prensa unha primeira análise do proxecto no que atinxe a esta Comunidade Autónoma, do que sinalou que “non cubre as expectativas en canto á realización das obras que Galicia precisa, tanto a curto prazo, para remontar a crise, como a longo, para mellorar a competitividade de Galicia”.

Pedro Puy lamentou que esa falta de expectativas ven sumarse á suba de impostos como un prexuízo máis para os galegos e afirmou que os orzamentos elaborados para 2010 “non só non van contribuír a unha saída xeral da crise, senón que deixa proxectos importantes sen orzamentar”, o que constitúe unha mostra máis “da mala xestión do Goberno socialista, que reduce para 2010 partidas que no 2009 non executou”.

O deputado popular resaltou que a partida destinada a Dependencia demostra que son unhas contas “para cubrir o déficit xerado” polo Goberno de Zapatero e non “para incrementar o gasto social”. Así, indicou que, dado que a partida global para a atención aos dependentes é de 1.581 millóns de euros, “as cifras que previsiblemente lle corresponderán a Galicia estarán lonxe do que precisa”, cantidade que cifrou en 440 millóns de euros de acordo cos prazos aprobados polo Congreso dos Deputados en 2006.

40 MILLÓNS PARA O TRAMO LUBIÁN-OURENSE DO AVE.- Doutra banda, a baixada dun 6,58 por cento nos investimentos destinados á nosa Comunidade Autónoma “afecta a proxectos estratéxicos para Galicia”, sinalou o deputado, quen anunciou que na Comisión de Seguemento do Pacto para o AVE o PP pedirá a Fomento que explique por qué o tramo Lubián-Ourense ten só 40 millóns de euros consignados, cando en 2009 contaba con 254 “que non se executaron”. O PPdeG, lembrou, “xa dixo na discusión das contas para o presente ano que esa partida estaba inflada”, o que provocou daquela intensas críticas por parte dos socialistas. Sen embargo, a inexecución desa partida “demostra que tiñamos razón”.

En canto a estradas, o voceiro popular de Economía amosou a preocupación do seu partido “porque se esquecen proxectos estratéxicos”, como as conexións do Eixo Atlántico no Sur e mencionou, como exemplo, o tramo Soutomaior-Vilaboa da A57, ao que se destinan unicamente 2,3 millóns de euros. Un feito que o deputado relacionou cos “escasos investimentos” para a AP-9, cifrados en 20.000 euros que, ademais de pospoñer a ampliación da Ponte de Rande, “supón adiar o traspaso dese vial”, xa que este, solicitado pola Xunta, está condicionado ao remate das obras. Tamén fixo referencia, no Norte, ao descenso dos investimentos na Mariña, cuxo orzamento diminúe de 71,3 a 51,5 millóns de euros, adiando a execución da Transcantábrica, e que só se dediquen ao corredor Barreiros-San Cibrao 10.000 euros.

Puy subliñou tamén a drástica redución do orzamento destinado a Medio Ambiente, que pasa dos 203 millóns previstos para 2009 a 103 no proxecto de orzamentos para 2010. Nese apartado, salientou especialmente que á depuradora de Vigo destinanse unicamente 9 millóns de euros, cando o pasado ano consignáronse máis de 100 millóns. Igualmente, lamentou o esquecemento manifesto dalgunhas comarcas, como a do Barbanza, á que se lle destinan “cero euros”, ou que o Parador de Muxía “continúe por sétimo ano aparecendo nos orzamentos sen que se teña feito nada”.

Como valoración xeral do proxecto de orzamentos, o deputado afirmou que “uns orzamentos que, cunha baixada xeral de case 5 puntos, aumentan os gastos de persoal un 2,7 por cento non son uns orzamentos austeros”. Por outra banda, e contra o triunfalismo de quen considera que Galicia debe estar satisfeita porque se cumpre o compromiso de destinar a esta Comunidade o 8 por cento do investimento total, Puy lembrou que o PP “sempre dixo que non era unha medida axeitada falar de porcentaxes de investimento”, xa que, se o orzamento diminúe en termos xerais, a porcentaxe resulta insuficiente. “O importante é que o previsto se execute”, concluíu.