Partido Popular de Lugo

O PPdeG PROPÓN UNHA FRONTE COMÚN DAS FORZAS PARLAMENTARIAS PARA ESIXIR A EXECUCIÓN DO CEN POR CEN DOS PRESUPOSTOS DO ESTADO EN GALICIA E REXEITAR A SUBA DE IMPOSTOS

Santiago, 29 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia fixo hoxe un chamamento para acadar unha fronte común das forzas con representación no Parlamento galego para esixir ao Goberno central a execución do cen por cen dos Presupostos do Estado en Galicia e rexeitar a suba de impostos. O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, presentou esta mañá en rolda de prensa dúas iniciativas que os populares rexistraron para o seu debate urxente en pleno en relación cos Orzamentos Xerais do Estado e coas medidas fiscais que implican.

Ruiz Rivas fixo fincapé en que Galicia foi castigada nos últimos anos pola inexecución orzamentaria por parte do Goberno central e que está a pagar “a improvisación e as políticas erráticas e contraditorias de Zapatero para atallar a crise económica despois de dicir que non existía”. Nese sentido, referiuse ao novo financiamento autonómico, “que é unha imposición á maioría das comunidades autónomas polas presións doutras en detrimento das que precisan máis solidariedade”, e aos 1.900 millóns de euros que Galicia ten que devolver polos erróneos cálculos de ingresos do Goberno socialista “cando todas as organizacións internacionais advertían de que o crecemento non ía ser como o creía Zapatero”.

O portavoz do Grupo Popular resaltou que dos orzamentos deste ano van quedar 1.300 millóns de euros sen executar en Galicia, o que supón un 60% do consignado, e o total do inexecutado no conxunto dos gobernos de Zapatero ascende a 4.000 millóns, que ían destinados fundamentalmente a infraestruturas. Nese sentido, o PPdeG dirixe unha interpelación á Xunta para coñecer a valoración sobre os efectos desa inexecución. Os populares consideran imprescindible un compromiso para que o que se consigne nos orzamentos de 2010 para Galicia se execute na súa totalidade.  

SUBIDA DE IMPOSTOS PARA PAGAR OS ERROS DE ZAPATERO.- Así mesmo, o Grupo Popular interpelará á Xunta sobre os efectos nas economías galegas da subida de impostos anunciada polo Goberno central, medida que Ruiz Rivas cualificou de “covarde, inxusta, insolidaria e contraditoria”. Así, rexeitou que ese incremento do esforzo fiscal “vaia contra os poderosos”, senón que, moi ao contrario, “ataca aos máis humildes”, entre os que citou aos mileuristas e aos pensionistas. Igualmente, é unha medida “inxusta”, xa que se dirixe “a pagar os erros de Zapatero e non ao gasto social”. A este respecto, o deputado salientou que “a maior parte do gasto social está transferido ás comunidades autónomas” e, para as contas autonómicas, este incremento “non vai supór practicamente nada”.

A subida dos impostos é, igualmente, “covarde” porque, explicou, “Zapatero vai contra as rendas máis baixas, que lle é máis doado, en lugar de ir contra o fraude fiscal”, algo que podería facer “buscando entre os seus propios compañeiros que defraudan”, en referencia ao impago, por parte do secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, dos impostos correspondentes ás obras da súa casa. Doutra banda, Ruiz Rivas aludiu á contradición que supón unha medida como gravar o IVE, “que é gravar o consumo”, despois de ter adoptado medidas para incentivalo, como as relativas á compra de coches ou a construcción.

Manuel Ruiz Rivas insistiu en que “todos os excesos” das políticas do Goberno central socialista “os están a pagar os galegos” e lembrou que “a deriva de Zapatero” contou co respaldo do BNG, que apoiou os anteriores orzamentos “a cambio dun suposto compromiso de aumentar o gasto para Galicia que nunca se cumpriu”.