Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO PPDEGALICIA NA QUE SOLICITA AO MINISTERIO DE INDUSTRIA A ADXUDICACIÓN URXENTE DO TRAMO DO GASODUCTO GUITIRIZ-LUGO

Santiago , 29 de setembro de 2009.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe na reunión da Comisión de Industria unha iniciativa do PPdeG na que insta a Xunta a realizar xestións ante o Ministerio de Industria para que adxudique a obra da rede de transporte primario de gas no tramo Guitiriz-Lugo o mais axiña posible, garantindo  en todo caso que a posta en servizo da devandita infraestrutura se produza non mais aló do ano 2012. A iniciativa, aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos, foi transaccionada incluíndo así mesmo a petición de que esa axilidade se de tamén no gasoduto da Mariña luguesa.

Para o deputado popular o retraso que se está a producir nesta infraestrutura é un freo para  o desenvolvemento económico e social de Lugo. A prioridade da obra xa foi posta de manifesto na planificación dos sectores do gas e a electricidade para o período 2008-2016, aprobada o pasado mes de maio, onde se destacaba que era necesario o reforzo do Gasoduto Troncal Galego, que tería que estar incorporado no proxecto “Reforzo Eixo Norte” e planeaba acometer as obras pendentes nos tramos Guitiriz-Lugo e Lugo-Villafranca del Bierzo planeando a construción para os anos 2012 e 2013 respectivamente.

Segundo Daniel Varela “todo nos leva a pensar que esta infraestrutura non estará en funcionamento nos prazos establecidos como actualmente o propio Ministerio de Industria ten recoñecido, xa que aínda mantén pendente a adxudicación, xustificándoo o Goberno central por un descenso  na demanda pola crise ou por restricións presupostarias”.

Polo tanto, indicou o deputado popular, é necesario priorizar unha obra xa que o desenrolo industrial de Lugo está supeditado a que o Goberno central faga os seus deberes e leve a cabo esta infraestrutura enerxética estratéxica dado o colapso do actual tendido. Daniel Varela agradeceu o apoio dos grupos políticos a esta proposta que consensuou  con respectivas emendas de PSOE e BNG.