Partido Popular de Lugo

OS POPULARES IMPULSAN UNHA EMENDA DE SUBSTITUCIÓN Á MOCIÓN MUNICIPAL DO BNG PARA ASÍ PODER RECLAMAR UNHA AMPLIACIÓN DO CATÁLOGO DE SERVIZOS E ESPECIALIDADES MÉDICAS QUE SE OFRECEN NO HOSPITAL DA COSTA

A Mariña, 28 de setembro de 2009.- Os grupos municipais do Partido Popular nos distintos concellos da Mariña lucense impulsarán unha iniciativa a través da que, ademais de avogar polo mantemento da área sanitaria da Mariña lucense, reclaman unha ampliación do catálogo de servizos e especialidades médicas que se ofrecen na actualidade no Hospital da Costa.

Os populares tamén pedirán que os distintos concellos da Mariña apoien a total integración dos centros de saúde de atención primaria –isto é as consultas dos médicos de cabeceira e enfermería- dentro da área sanitaria comarcal de tal xeito que se poida mellorar un servizo amplamente deteriorado nos últimos anos de xestión do bipartito. Co PSOE e BNG chegouse incluso a trasladar ata os centros de saúde, a problemática das  listas de espera, ata entón exclusiva da sanidade hospitalaria.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN.- O PP comarcal articulará esta petición a través dunha emenda de substitución á moción municipal tipo que o BNG rexistrou para o seu debate nos concellos. Ao entender dos populares o acordo proposto polos nacionalistas é pouco ambicioso, insuficiente e raquítico, como mostra de que nunca souberon defender os intereses da nosa comarca.

MÁIS E MELLORES SERVIZOS PARA O HOSPITAL.- Desde a formación política popular insisten en que o PP queren autonomía e máis e mellores servizos para o Hospital da Costa, de tal xeito que poidan atenderse no centro sito en Burela ao maior  número posible de xente e a maior parte das patoloxías médicas e probas diagnósticas.

ROTUNDIDADE PARA POÑER FIN Á CONFUSIÓN.- Esta é unha nova iniciativa coa que os populares pretenden combater e poñer fin á estratexia de confusión e manipulación da realidade que levan a cabo os antigos socios do malogrado bipartito. Desde o PP queren deixar claro cal é a postura que eles defenden coincidente en todo momento coa postura da propia Xunta porque, non o debemos esquecer, está rexida por un Executivo popular e, polo tanto, na súa acción de Goberno fará realidade aquelo que prometeu o PP e que segue a ratificar a día de hoxe.

Malia que teñamos que repetilo mil veces –indican os populares no seu comunicado- temos que seguir insistindo en que tanto Sanidade como nós apostamos pola mellora do sistema público de saúde na nosa comarca, pola autonomía e por dotar de maior importancia cada día ao Hospital algo que non se fixo nos pasados anos”. De feito desde o PP se insiste “non hai espazo para a confusión, a área sanitaria da Mariña lucense non se perderá”.