Partido Popular de Lugo

Feijóo lamenta que pasaramos “dun Goberno que non daba o que necesitaba a Galicia a un que nos pide o que non temos”

Silleda, 26 de setembro de 2009.- O presidente do PPdeG afirmou no acto dos populares en Silleda que a débeda de 1.900 millóns que lle reclama Madrid a Galicia supón un grave problema para as arcas galegas e lamentou que “pasáramos de ter un Goberno que non nos daba o que necesitábamos a ter un que nos pide o que non temos”.

Feijóo, nun acto ao que se achegaron máis de 15.000 simpatizantes populares de todos os recunchos de Galicia, fixo referencia á política económica do Goberno central facendo mención a que o Goberno non pode facer aos cidadáns e ás Comunidades responsables dos seus erros. 

En relación á devolución dos 1.900 millóns de euros, Feijóo afirmou de xeito contundente non estar disposto a “que os galegos paguemos os erros económicos de Zapatero”, pois “Galicia non pode recibir tres castigos de Madrid”, dixo en referencia á xestión socialista do modelo de financiamento económico, á suba de impostos e á devolución duns cartos “investidos polos socialistas en que lle quedara ben o programa electoral e que ao final non executaron”. 

Unha vez máis, salta á vista que existen dous xeitos de facer política económica. O do PP que consiste en recortar o gasto superfluo para axudar aos cidadáns a sortear unha crise que os está asfixiando, e o do PSOE, que en lugar de actuar con responsabilidade e sendo consciente dos tempos que están a vivir os españois toma a saída máis fácil: apretarlle aínda máis o cinto aos cidadáns para estar eles máis folgados.

GALICIA TEN O GOBERNO QUE PRECISABA.- O popular tamén fixo fincapé en que Galicia ten agora o Goberno que precisaba: un goberno unido, sensato, cabal, austero, e que combate malas novas en lugar de xerar outras peores, en alusión á xestión do bipartito. Ademais, subliñou a súa intención de aspirar a que ninguén volva asociar Galicia coas palabras de división, despilfarro, sectarismo e imposición xa que, a diferencia do bipartito e de Zapatero, o PPdeG goberna coa aspiración de deixar, aos seus sucesores, un país aínda mellor, con mais oportunidades e económicamente saneado. 

Neste sentido, o popular destacou a especial relevancia que o PPdeG lle está dando ao apoio a sectores estratéxicos, como o lácteo, o marítimo ou o do automóbil e á creación de postos de traballo, a través, por exemplo, do Plan de emprego para parados sen prestacións. En relación a isto último, subliñou que os que están no paro o que queren é traballar e non que se profesionalice o paro con cheques, como fai o PSOE. 

Asimesmo, o popular destacou a importancia de facer transparente “o que non debe ser opaco”, en referencia á necesidade de explicitar por lei as contas da Administración paralela, para que deixe de ser un chiringuito e á  suspensión Concurso Eólico ilegal.

ADIANTO ELECTORAL.- O presidente Feijóo referiuse ao posible adianto electoral: “Non ten ilusión, nin ganas, nin ideas, nin modelo, nin apoios e por iso, a única razón pola que Zapatero non vai adiantar as eleccións é simplemente porque as perdería”. Nesta liña afirmou que o Goberno está solo “porque fai todo o posible por estalo” e concluíu dicindo que “tanta improvisación só ten un destino: a oposición”.

Ante un recinto ferial ateigado de simpatizantes do PP, o presidente Feijóo prometeu que o PP vai redobrar os seus esforzos dende a Xunta “mostrando que hai outra maneira de gobernar” e dende a oposición en Madrid “mostrando que hai outro camiño”. Un camiño que, definiu, de “coherencia, realismo, rigor, planificiaón e traballo en equipo”.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS.- “Temos que elevar ese cambio ata as grandes cidades, ata as vilas medias e ata os concellos máis pequenos”, dixo Feijóo en referencia ás eleccións municipais.

O presidente dos populares galegos pediu aos simpatizantes reunidos no recinto feiral de Silleda que se mantiveran “activos” cara ao gran reto das municipais de 2011. “Pídovos que sigades facendo de voceiros do partido a pé de rúa e que sigades dicindo con orgullo ‘eu son do PP’”.

A LINGUA.- En referencia ao tema da lingua, Feijóo asegurou que o problema dos cidadáns de Galicia non é o galego nin o castelán, senón que o problema real é que moitos non saben inglés. Así mesmo, asegurou que a normalización da lingua non se fai desde a imposición e a estridencia política senon desde a liberdade e a normalidade.

AGRADECEMENTO Á MILITANCIA: O PRINCIPAL PROTAGONISTA.- O presidente do PPdeG subliñou que os homenaxeados do acto son os militantes e simpatizantes do PPdeG, o núcleo onde reside o verdadeiro poder e forza do partido. Afirmou que o motivo da festa era mostrar o profundo agradecemento do partido ás súas bases, ás voces anónimas e agradeceulles ás arredor de 15.000 persoas alí congregadas a súa tarefa de apoio, clave nas vitorias que se colleitaron este ano e que mobilizaron a 800.000 galegos a votar polo PPdeG.

Así mesmo, resaltou que se trata dun equipo que venceu á historia e ás estatísticas políticas para recuperar, voto a voto, a maioría absoluta en Galicia só tres anos e medio despois de perdela así como un equipo que conseguiu nunhas eleccións europeas máis do 50% dos votos dos galegos.

BARREIRO: «O GALEGUISMO MAMÁMOLO DENDE A CUNA».- Pola súa banda o Presidente do PP lucense, José Manuel Barreiro, fixo un alegato galeguista na súa intervención, así dixo que fronte ós que «queren dar carnés de galeguismo, a nós non nos fai falla», dado que, segundo asegurou, «o compromiso mamámolo dende a cuna».

Referiuse tamén ó galego como «o principal sinal de identidade» e afirmou que «a nós ninguén nos da leccións de galeguismo”. Dixo ademais que os populares síntense «galegos e españois, e falamos galegos e castelán», porque «queremos dende Galicia facer máis grande a España».