A Mariña, 25 de setembro de 2009.- Un destacado dirixente do Bloque Nacionalista Galego na nosa comarca defende a fórmula do copago como medio de financiamento do sistema público de saúde. O nacionalista Orlando González, actual alcalde de Mondoñedo, entende necesario obrigar aos veciños a desembolsar dos seus propios petos unha cantidade directa de diñeiro polas consultas médicas e de enfermería das que fagan uso cando acudan aos distintos centros sanitarios da rede pública. As súas palabras aparecen recollidas na acta da Comisión de Participación Cidadá, máis en concreto, no documento que da conta dos debates que tiveron lugar no seo deste organismo con data 3 de decembro de 2008.
Ante a transcendencia e gravidade da proposta efectuada por este destacado dirixente nacionalista os populares emprazan ao BNG a clarexar se asumen este modelo como propio, isto é, a posicionarse a favor ou en contra desta fórmula de privatización encuberta do sistema público de saúde ou a desautorizar dun xeito público e notorio a proposta do actual Alcalde de Mondoñedo, por certo o único profesional médico que aparecía na foto distribuída aos distintos medios de comunicación do comité comarcal do BNG. “En todo caso da lectura da acta queda claro que esta é a única posición coñecida do BNG para a sanidade pública”.
Segundo o PP comarcal, unha vez máis existe constancia da falta de criterio, e coherencia do BNG. Os populares insisten na idea de que os nacionalistas non son de fiar xa que, mentres por un lado, afirman defender a sanidade pública e universal, polo outro fan propostas que causarían un grave quebranto nas economías familiares máis modestas, ante a dificultade de moitas familias á hora de facer fronte ao pago de parte dos gastos ocasionados por acudir aos centros de saúde ou ao hospital.
CITA LITERAL:
Acta 3 de decembro de 2008
Comisión Sanitaria de Participación Cidadá (Área Cervo-Burela)
Punto 2
“Interviene D. Orolando González Cruz, expresando su preocupación por la viabilidad del actual Sistema Sanitario, se gasta mucho y mal. Manifiesta la insostenibilidad del sistema y cree que medidas como las del co-pago o ticket moderador, son necesarios.”