Partido Popular de Lugo

PEDRO PUY SALIENTA QUE NÚÑEZ FEIJÓO TOMOU, Á SÚA CHEGADA Á XUNTA, AS MEDIDAS LÓXICAS NUN CONTEXTO DE CRISE, COMO PRIORIZAR O GASTO PRODUTIVO E IMPOÑER A AUSTERIDADE

Santiago, 19 de setembro de 2009.- “Alberto Núñez Feijóo tomou, á súa chegada á Xunta, as medidas lóxicas nun contexto de crise económica, tales como priorizar o gasto produtivo e impoñer a austeridade na Administración”. O portavoz de Economía do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, resumiu con estas palabras, esta mañá en  Ribadeo, o cambio na xestión que supuxo a asunción polo Partido Popular do Goberno de Galicia, despois de que na etapa do bipartito “perdeuse o rumbo pola falta de decisións axeitadas”.  

Nunha conferencia organizada por Novas Xeracións de Ribadeo, o tamén profesor de Economía Política da Universidade de Santiago, contrastou a xestión do presidente galego cos “múltiples erros de Zapatero”, que agravan a situación en España. O deputado subliñou que o principal acerto do Goberno de Feijóo radica “en actuar a curto prazo con medidas que teñen sentido e que se enmarcan dentro dunha estratexia a longo prazo”. Pola contra, o Goberno central socialista “disparou o gasto público sen sentido algún, buscando unicamente resultados moi inmediatos pero sen pensar nas consecuencias a longo prazo”.

O parlamentario popular explicou que a solidez do sistema financeiro español “ofrecía unha boa posibilidade para lograr un mellor comportamento do país na conxuntura derivada da crise financeira internacional”. Sen embargo, o impacto da crise está a ser maior en España que na meirande parte dos países desenvolvidos “pola conxunción da falta de reformas estruturais por parte dos gobernos socialistas e da adopción de malas medidas conxunturais cando a crise xa estaba enriba”. Entre os defectos estruturais da nosa economía que non se corrixiron, citou a deficiente regulación do mercado de traballo, o exceso de déficit exterior ou a escasa relevancia das políticas de I+D+i, “que se puxeron especialmente de manifesto coa chegada das dificultades económicas”.

DECISIÓNS ERRÓNEAS.- En canto ás medidas deficientes, referiuse, entre outras, á concesión da axuda de 420 euros para parados sen prestación ou o Plan E. Un tipo de decisións erróneas, “que o anterior goberno de Galicia repetiu na nosa Comunidade con medidas como as subvencións concedidas para limpar cunetas”, apuntou Puy.

Nese contexto, Pedro Puy resaltou que “as solucións non poden vir, desde logo, da improvisación, a falta de decisión e as continuas rectificacións que caracterizan a xestión de Zapatero”.