Partido Popular de Lugo

O PPdeG APOSTA POLO DIÁLOGO COMO SAÍDA AO CONFLICTO DO PORTO DEPORTIVO NO SALGUEIRÓN, EN CANGAS

Santiago, 17 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia amosouse hoxe partidario de apostar polo diálogo como saída ao conflicto do porto deportivo no Salgueirón, en Cangas, tal como xa fixo a Consellería de Mar que, nunha xuntanza celebrada o pasado día 7 co Patrón Maior e o xerente da Confraría de Cangas acordaron abrir un proceso de diálogo para buscar unha saída ao problema.

Ante unha iniciativa do BNG para a paralización dese proxecto, o deputado popular José Manuel Balseiro considerou “irresponsable” suplantar desde o Parlamento os acordos que puideran adoptarse na mesa de negociación acordada entre a Xunta e a Confraría. “Sería irresponsable tomar decisións no seu nome e antes de que eles decidan”, apuntou o portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, quen salientou que “por primeira vez en moito tempo existe unha Administración con vontade de solucionar a problemática”.

Balseiro cualificou tamén de “improcedente” a iniciativa do BNG debatida esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento galego. Nese sentido, lembrou que o pasado día 11 os deputados do BNG Teresa Táboas e Bieito Lobeira –asinantes da Proposición non de Lei- foron apupados na manifestación que subseguíu á concentración de barcos na ría porque “o pobo falou, canso da mesma hipocrisía política nacionalista da que é tamén un bo exemplo esta iniciativa”.