Santiago, 16 de setembro de 2009.- As declaracións feitas polo presidente de Pescanova e publicadas hoxe por La Voz de Galicia confirman aos socialistas como responsables da paralización da acuicultura en Galicia. Así o constata o portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, para quen esas declaracións “deixan en evidencia as mentiras do bipartito, que non fixo nada por compensar a perda do proxecto previsto en Cabo Touriñán nin por aproveitar o interese desa empresa por investir na nosa Comunidade”.
Balseiro salienta que as críticas á autorización, por parte da Xunta actual, da planta de Touriñán “pretenden agochar a xestión ineficaz e caprichosa do PSOE, que lle negou á Costa da Morte unha oportunidade histórica sen dar alternativas”, de forma que a dinamización económica e os empregos que se ían crear en Galicia “marcharon para Portugal”. O presidente de Pescanova, engade o deputado, “deixa claro que se rexeitou o seu proxecto sen ofrecer as alternativas viables e as subvencións prometidas”.
O deputado lembra que o proxecto de Pescanova en Muxía “tiña o aplauso de toda a xente da zona, mesmo dos propios alcaldes socialistas da Costa da Morte” e que contaba, así mesmo, con todos os permisos, tal como advertiu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “incluída a autorización do Ministerio de Medio Ambiente, por moito que a súa titular se empeñe en negalo”. De xeito que os socialistas na anterior Xunta “empeñáronse en ir contracorrente da lóxica, da legalidade e dos intereses dos cidadáns”.
Para Balseiro, “resulta inadmisible que veñan con críticas os que, cando tiveron responsabilidades de goberno, deixaron perder fondos europeos e rexeitaron un investimento que tería suposto a creación de centos de postos de traballo nunha zona economicamente castigada, obrigándoo a emigrar a outro país”.