Partido Popular de Lugo

O PPdeG RESALTA QUE A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DO BIPARTITO PROVOCOU A DIMINUCIÓN DO NÚMERO DE GALEGOFALANTES, ESPECIALMENTE ENTRE A XUVENTUDE E NAS ZONAS URBANAS

Santiago, 8 de setembro de 2009.- O PPdeG resaltou hoxe no Parlamento que a política lingüística que puxo en marcha o Goberno bipartito provocou a diminución do número de galegofalantes, especialmente entre a xuventude e nas zonas urbanas. O portavoz de Política Lingüística do Grupo Parlamentario Popular, Agustín Baamonde, amosou no Pleno o convencemento do seu partido de que “o galego necesita medidas de protección e haberá que ver qué medidas”, pero rexeitou apoiar a continuidade do Decreto 124/2007 sobre o uso e promoción do galego no sistema educativo porque “introduce unha pase para facer política lingüística baseada na imposición”, que se demostrou “fracasada”.

Agustín Baamonde lembrou que a Xunta derrogará o Decreto do galego no ensino “porque a cidadanía galega o rexeitou claramente co seu voto o 1 de marzo”. Así mesmo, pediu á oposición que entenda “que a política lingüística do bipartito non é a única que se pode facer para defender o galego”. O  Goberno de Núñez Feijóo, traballa na elaboración dun novo texto “que se adapte mellor á realidade social de Galicia, engadiu Baamode, quen sinalou que “as vontades políticas teñen que asentarse nas maiorías sociais”.

O deputado subliñou, igualmente, que a estratexia da imposición e de substitución monolingüística “non levan a ningún sitio, tal como recoñecen mesmo persoas próximas á esquerda como Antón Baamonde ou Antón Reixa” e lembrou que, froito desa política de imposición desenvolvida na anterior etapa, “hoxe hai menos galegofalantes e entre a xuventude e nas zonas urbanas cada vez se fala menos galego”.