Partido Popular de Lugo

O PPdeG CONSIDERA MOI SIGNIFICATIVO QUE AS QUEIXAS AO VALEDOR DO POBO CHEGARAN CASE A DUPLICARSE NA ETAPA DO GOBERNO BIPARTITO

Santiago, 8 de setembro de 2009.- Tra-la presentación esta mañá no Pleno do Parlamento do Informe ordinario do Valedor do Pobo correspondente ao ano 2008, o Partido Popular de Galicia considera moi significativo que as queixas á dita institución chegaran case a duplicarse na etapa do Goberno bipartito. O deputado do PPdeG Agustín Baamonde subliñou, na súa intervención no debate do dito Informe, que “chama a atención o incremento constante do número de queixas nesa etapa, que case se duplicaron entre 2005 e 2008”. O Informe “dá carta de natureza a gran parte das críticas que o Partido Popular reiterou na pasada lexislatura, cando estaba na oposición”.

Baamonde fixo especial fincapé no descontento expresado polos cidadáns en relación coas políticas sociais e salientou que o Informe de 2008 constata que “o Goberno que enarborou  a bandeira do Benestar converteuna finalmente nunha tormenta de ineficacia”. O número de queixas tanto no que respecta á Sanidade, a infancia e, especialmente, a Dependencia evidencia, en palabras do deputado popular “unha absoluta perda de confianza dos cidadáns neste eido e nos seus xestores”. No que atinxe á Sanidade, Baamonde resaltou o “retraso inxustificable” na atención aos doentes e o aumento das listas de espera que se reflicte no informe, que deixa en evidencia que, “a pesar do esforzo de ocultación e manipulación dos datos por parte do bipartito, a realidade era moi distinta da que nos querían facer ver”.

PROFUNDOS PROBLEMAS DE XESTIÓN.- O deputado popular sinalou que o Informe do Valedor confirma que o anterior Executivo galego carecía “dun auténtico proxecto de Goberno” e que nos catro anos pasados estendeuse “unha sensación de frustración e desencanto da sociedade”. Así mesmo, incidiu en que o anterior Executivo padecía “profundos problemas de xestión”, e dou mostras dunha importante descoordinación.

Agustín Baamonde incidiu de xeito especial no feito de que o anterior Goberno “pasara por riba das recomendacións do Valedor”. Nese sentido, apuntou que “xa se sabía que a transparencia e a rexeneración democrática que prometeron non foi tal, pero sorprende saber que, ademais, non cumpriron as recomendacións do Valedor”. Algo que, para o PPdeG constitúe unha falla de respecto ás institucións democráticas, que ven sumarse á tendencia que amosou o bipartito de “clientelismo, creación de chinringuitos e alerxia ás comisións de investigación”.