Partido Popular de Lugo

O GPPP critica que a publicidade dos catamaráns no canón do Sil sexa enganosa

Lugo, a 8 de setembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular lamentou que a falta de rigor imperante na actuación da Deputación chegue ata tal extremo que se desenvolva unha campaña publicitaria dos catamaráns que nin sequera se corresponden coa oferta real.

Para os populares resulta esperpéntico que a área de Turismo, que dirixe a Vicepresidenta terceira María José Vega Buján, financie anuncios promocionais deste servicio cando as rutas que se marcan nin sequera se corresponden coas realizadas polos barcos da Deputación porque, para principiar, os embarcadoiros que se establecen como puntos de partida non se atopan na provincia de Lugo senón na de Ourense.

Vega Buján, pese a ser da Zona Sur, segundo indican dende o PP, parece descoñecer totalmente a Ribeira Sacra a tenor do que se amosa nos anuncios publicados en varios xornais, ó tempo que matizan que os horarios que se indican están incompletos porque só se reseñan os que realiza o Mencía.

Para os populares este feito é unha nova pedra sobre o xa de por si afuracado tellado do servicio de rutas fluviais da Deputación que, pese a ter demostrado que é un reclamo turístico de gran demanda, nin se atende nin se promociona como merece e requeriría para aproveitar axeitadamente o seu potencial.