Cervantes, a 8 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Cervantes elexiu onte a José López Fernández coma novo Presidente da agrupación local durante unha asamblea convocada para tal fin á que asistiu o Secretario xeral dos populares lucenses José Manuel Balseiro.
López Fernández amosou a súa satisfacción por contar co respaldo dos seus compañeiros de partido e recoñeceu o reto que suporá a asunción desta nova función que contrae, segundo dixo, con responsabilidade e ilusión. “Estou a disposición dos veciños e totalmente aberto a atender as súas suxerencias e reivindicacións”, asegurou, ó tempo que recoñeceu que un dos seus principais obxectivos nesta nova andaina é mellorar os resultados electorais acadados nos pasados comicios municipais “para acabar por converternos en alternativa real á Alcaldía de Cervantes”.
Unha alternativa que, na súa opinión, “faise necesaria” porque “dende o ano 1995 que o PSOE goberna por maioría é unha constante a perda de población e de inversións; a TDT non funciona e Internet non existe; non hai alumeado nos pobos e non se avanzou na dotación dunha rede de saneamento, e moitas estradas están tan destrozadas que mesmo parece que estamos nunha zona de guerra. É dicir, a decadencia é cada día máis acusada. É preciso e urxente cambiar esta tendencia”.
A executiva que lidera Jóse López, “na que se combina o ímpetu da xuventude coa veteranía”, confórmana Fidel Trabado, Jesús Gómez, José Baldomero Gómez, José Gómez, Eduardo Gutiérrez, Maira Digón, Alfredo González, Raquel Fernández, Eduardo Rosón, Ángel Val, Manuel Fernández, Eduardo López e Margarita Sánchez.