Lugo, a 3 de setembro de 2009.- A xunta directiva provincial do Partido Popular de Lugo celebrou hoxe unha xuntanza ordinaria, que contou coa participación dos conselleiros de Medio Rural Samuel Juárez (que é membro nato) e o de Educación Jesús Vázquez, e que serviu para retomar a actividade política tras o descanso estival.
O Presidente provincial José Manuel Barreiro aproveitou a presenza dos cargos locais de partida para “insistir” en que o “próximo gran reto” da formación política son as eleccións municipais do 2011. “Conto co voso bo facer, coa vosa capacidade de traballo e de esforzo, que xa amosastes nas últimas citas electorais”, dixo.
A “preocupante” situación económica “agravada polas improvisacións do Goberno central” que seguen mantendo en “niveis alarmantes” os datos do paro, sobre todo na provincia de Lugo onde se incrementou un 3,31 por cento, superando a media nacional e autonómica, “fai necesario”, segundo explicou Barreiro, “apartar canto antes ós socialistas das súas responsabilidades de goberno porque senón van arruinar o país”.
Iniciar os preparativos para asegurar unha “ampla participación” da militancia dos populares lucenses na romería que celebrará o partido o vindeiro día 26 en Silleda foi outro dos asuntos abordados no encontro.