Santiago, 1 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia lamenta que a falta de previsión do Goberno bipartito, e concretamente da anterior Consellería de Medio Ambiente, obrigue aos concellos a asumir o sobrecusto derivado da xestión dos residuos voluminosos a partir de hoxe, data na que SOGAMA deixa de admitir os devanditos residuos en cumprimento da normativa aprobada o pasado ano.
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Popular, Daniel Varela, lembra que foi o Departamento que dirixía Pachi Vázquez o que aprobou as normas que impiden a SOGAMA recoller este tipo de refugallos “e, unha vez máis, non foi quen de medir as consecuencias e prever medidas para, cando menos, atenualas”.O deputado salienta que o problema o creou a anterior Consellería de Medio Ambiente coa aprobación, en 2008, da autorización ambiental a SOGAMA e da Lei de Residuos de Galicia, que non permiten xestionar os voluminosos na Sociedade, sen presupostar fondos para paliar os efectos económicos sobre as administracións locais.
Varela aplaude a oferta de colaboración feita pola actual Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que remitiu un escrito a todos os concellos galegos no que lles informaba desta circunstancia e lles brindaba o seu apoio, e resalta que Galicia conta desde 2005 cunha planta da propia Xunta especializada na valorización de residuos voluminosos co obxectivo de tratar estes refugallos de xeito acorde coas súas características.
Para o deputado popular, o PSdeG e o seu actual secretario xeral “converteron a SOGAMA nunha fonte de problemas”, polo que resulta “unha mostra de hipocresía política” que agora “esixan que a Xunta resolva esta nova desfeita cando eles non consideraron necesario prever o problema cando o orixinaron e non programaron un euro para que os concellos puideran facer fronte a este gasto adicional”.