Partido Popular de Lugo

O PLAN ESTRATÉXICO LÁCTEO E AS AXUDAS AO SECTOR DEMOSTRAN QUE GALICIA CONTA AGORA CUN GOBERNO CONCIENCIADO COS PROBLEMAS REAIS DOS GALEGOS

 

Santiago, 22 de agosto de 2009.- O Plan Estratéxico Lácteo 2009-2015 e as axudas concedidas ao sector co fin de paliar a crise pola que atravesa demostran que Galicia conta agora cun Goberno concienciado cos problemas reais dos galegos “e que traballa con decisión para buscar solucións”. Así o manifestou esta mañá a portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Popular, Isabel García Pacín, nunha rolda de prensa na que salientou que a austeridade e a eficacia caracterizaron os cen primeiros días do Executivo de Feijóo nesa área, na que se plasmou “o seu compromiso co sector primario”.

Para fracer fronte á crise do sector lácteo, a nova Xunta “priorizou o diálogo, a través dos contactos con sindicatos, organizacións agrarias e cooperativas e da convocatoria da Mesa do Leite”, salientou a deputada, quen lembrou que a dita crise “centrou o traballo da Consellería de Medio Rural de xeito prioritario e urxente desde o primeiro momento” e resaltou que o Goberno de Feijóo “escoita aos cidadáns e traballa con eles”.  

O Plan Lácteo de Galicia, aprobado recentemente polo Consello da Xunta “en cumprimento do compromiso plasmado no Programa Electoral do Partido Popular para os cen primeiros días de Goberno”, define medidas a curto e medio prazo para buscar solucións estruturais ao sector, a través da mellora da competitividade das explotacións – aumentando a súa base territorial e a súa diversificación- e da industria láctea –incidindo no redimensionamento para reducir custos, a diversificación da produción e o acceso a novos mercados- e da regulación dos mercados, potenciando as relacións interprofesionais, a imaxe do leite e dos produtos lácteos galegos.

García Pacín resaltou as axudas directas ao sector lácteo, que supoñen ata 1 céntimo de euro por quilo de leite producido por un importe total de 20 millóns de euros e que está previsto ampliar en función das necesidades. Así mesmo, referiuse ao adianto do pagamento das axudas directas da PAC por un montante de 70 millóns, a xestión do anticipo de axudas que inciden de forma directa sobre explotacións lácteas ata un máximo do 50% da axuda concedida, a axilización dos trámites para os pagamentos das axudas a explotacións dedicadas á produción cárnica procedentes da PAC, por máis de 21 millóns, e o programa de apoio ao circulante mediante convenio co IGAPE, destinado a explotacións en proceso de reestruturación e cooperativas ou SATs.

Neste mesmo ámbito, a deputada subliñou tamén a axilización da tramitación para o pagamento de axudas destinadas á modernización de explotacións e á incorporación dos mozos á actividade agraria “que, malia estar comprometidas polo anterior Goberno, non se fixeron chegar aos beneficiarios”.  

PROFESIONALIDADE NA LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS.- O incremento de medios humanos e materiais para a loita contra os incendios forestais, as medidas de impulso aos sector do Viño e a potenciación e promoción da calidade das produccións galegas foron outras das accións resaltadas por García Pacín. A deputada referiuse ás novedades do Plan de Prevención e Defensa contra os incendios forestais (Pladiga 2009), que supoñen, entre outras medidas, a ampliación en 38 das brigadas de reforzo no período de máximo risco, a reorganización de 90 unidades de vixilancia e a inclusión de 19 novas parroquias como puntos de especial vixilancia. “A loita contra o lume está a ser dirixida con profesionalidade e rigor, malia algunha críticas políticas procedentes de quen, precisamente, gobernaba cando os montes galegos sufriron a peor catástrofe ecolóxica dos últimos vinte anos por mor dunha nefasta xestión ante os incendios de 2006, que ademais, o que é máis grave, causaron mortes humanas”.

No eido vitivinícola, a portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Popular resaltou o decreto polo que se establece o procedemento para a regularización de superficies de viñedo en Galicia e a sinatura do convenio entre o Instituto Galego de Calidade Alimentaria e diferentes entidades de España, Portugal e Francia para impulsar a innovación tecnolóxica na viticultura.