Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, felicítase xa que, “por fin” o PSOE aposta por achegar investimentos e crear empregos no ámbito da acuicultura en Galicia malia que lamenta que os socialistas non tiveran rectificado antes da súa postura evitando así que moitos proxectos marcharan cara outros países. Deste xeito o PPdeG acolle con “certa confianza” a rectificación do principal partido da oposición que, no día de onte, a través da súa deputada Marisol Soneira, amosou a súa intención de chegar a un consenso respecto do plan galego de acuicultura.
José Manuel Balseiro da a “benvida ao sentido común” aos deputados do PSdeG-PSOE mais salienta que o seu ofrecemento chega catro anos tarde xa que, de levarse a cabo esta rectificación no pasado, cando o PPdeG estaba a poñer de relevo as grandes deficiencias do proxecto acuícola do bipartito, non se tería perdido un tempo precioso para o desenvolvemento deste sector, no que Galicia estaba chamada a ter un papel protagonista, e non se terían perdido grandes investimentos e un amplo xacemento de emprego.
O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular insiste en que o consenso fixo moita falta no momento no que o anterior Executivo autonómico decidiu unilateralmente e, como hoxe coñecemos, de xeito irregular, a revisión do plan acuícola elaborado polo Goberno de Manuel Fraga. “Seguramente de non ter actuado na pasada lexislatura a base de imposición e xordeira, como fixo o bipartito, hoxe non estaríamos na encrucillada na que nos atopamos, tras a sentenza do TSXG que anula o mapa acuícola elaborado por PSOE e BNG”.
MALA CONCIENCIA.- Por outra banda, Balseiro Orol atribúe a rectificación dos socialistas a un caso evidente de “mala conciencia”. Segundo o voceiro dos populares galegos no ámbito do Mar, o PSOE é consciente da grande oposición social que xerou o seu proxecto acuícola e da inviabilidade técnica e económica de gran parte das plantas de cría e engorde de peixe que proxectaron. É por iso que agora cambia de opinión, tamén en boa parte pola ampla inversión perdida nun momento onde todos as iniciativas económicas son necesarias.
PERDA DE INVESTIMENTOS.- Balseiro Orol subliña que sexan agora os socialistas os que alarmen do risco da perda de gran parte dos Fondos Europeos destinados á promoción e desenvolvemento desta industria no noso país, cando este feito se da como consecuencia dunha acción política declarada como ilegal por parte do TSXG, isto é a decisión do bipartito de revisar o proxecto acuícola elaborado polo Executivo de Manuel Fraga e substituílo por unha versión revisada irregularmente.
Lembra tamén foron o PSOE e o BNG os que abocaron a acuicultura galega a estes catro últimos anos de parálise no desenvolvemento acuícola do noso país, polo que se perderon de forma irreversible grandes cantidades de diñeiro, investimentos que a Unión Europea contemplaba no marco dos fondos IFOP (o Instrumento Financieiro do Fondo Operativo de Pesca).
FEITOS NON PALABRAS.- Finalmente, os populares salientan que a Xunta está traballando en buscar unha solución aos múltiples problemas que contribuíu a xerar o Executivo bipartito no ámbito da acuicultura, desde a responsabilidade e a seriedade. Neste ámbito espera que a rectificación do PSOE na súa estratexia de oposición sexa un ofrecemento de consenso leal e fiable e non caian no error de seguir poñendo trabas no camiño. “Haberá que ver se no PSOE son capaces de pasar das palabras aos feitos”. Segundo o PPdeG Galicia ten que recuperar o liderado acuícola perdido como consecuencia da mala xestión de socialistas e nacionalistas, porque a acuicultura é un sector estratéxico para a nosa comunidade, xa non só porque contribuirá a crear riqueza senón porque tamén pode ser, e feito o será, un novo xacemento para a creación de máis e mellores postos de traballo.