Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PROMOVE QUE SE IDENTIFIQUE O PESCADO NOS PUNTOS DE VENTA AO POR MENOR SEGÚNDO A SÚA PROCEDENCIA, CAPTURA E PRESENTACIÓN

Santiago , 1 de agosto de  2009.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa coa que pretende promover no punto de venta ao por menor que se identifique e se diferencie o pescado segundo a súa procedencia, captura e presentación. O obxectivo fundamental é facilitar a identificación do pescado capturado pola flota galega, caracterizado pola súa gran calidade en contraste con outros procedentes de terceiros países, e conquerir que o consumidor final dispoña de máis información sobre a procedencia, método de captura ou engorde do pescado para que realice unha compra mais responsable.

Así, na  iniciativa o Grupo Popular solicita á Xunta que estableza unha regulación que permita aos consumidores distinguir claramente nos puntos de venta ao por menor (pescaderías, supermercados, hipermercados …) as especies pesqueiras e marisqueiras segundo a súa procedencia.

Para os deputados populares Daniel Varela e Xosé Manuel Balseiro, autores da iniciativa,  esta medida de diferenciación e identificación na liña de venta ten como finalidade dar valor aos produtos capturados pola flota galega, caracterizados pola súa gran calidade, importantes valores nutricionais e grandes garantías hixiénico-sanitarias, en contraste con outros procedentes de terceiros países e, en especial, de Asia.

Así mesmo o Grupo Popular solicita que na regulación encamiñada a que os consumidores distingan claramente o peixe nos puntos de venta, se expoñan de forma separada o peixe fresco, do desconxelado e do de acuicultura, así como o peixe que é de auga doce e o que procede de auga mariña. Esto se produce porque na actualidade non ocorre , inducindo ao erro ao consumidor ao, simplemente, non se lle subministra con absoluta claridade a información necesaria para a elección plena e libre.

Para Daniel Varela “o factor prezo é o principal reclamo e os produtos non deberían aparecer mesturados, como pode ser o caso de atoparse xuntos linguado ou gallos frescos con panga desconxelado (de río, granxa, e asiático)”. Para o deputado popular  a diferenza, polo tanto, non debería aparecer tan só na etiqueta senón incluso na situación ou colocación no expositor da pescadería.

Segundo o PPdeG o extraordinario incremento das importacións de peixe foráneo que se está a producir en Galicia é unha das causas da crise actual que sofre o sector pesqueiro galego ao producirse unha competencia que non sempre é leal, ao non esixirse nos países de procedencia as mesmas esixencias técnicas, sanitarias, socio-laborais e medioambientais que as da Unión Europea. As repercusións desta situación se produce coa baixada nos prezos de venta ao público coas que resulta moi difícil competir.

Para evitar esta situación é necesario, segundo o deputado do PPdeG , que o consumidor poida distinguir nitidamente os peixes foráneos dos procedentes da flota extractiva galega ou da nosa acuicultura coa mellora nas normas de exposición dos produtos ao público nos puntos de venda ao menor.