Partido Popular de Lugo

NOS 100 PRIMEIROS DÍAS DO GOBERNO DE FEIJOO TRIPLICOUSE O INVESTIMENTO DA XUNTA BIPARTITA NA MARIÑA LUCENSE

A Mariña, 29 de xullo de 2009.- Os deputados mariñáns do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao compareceron na mañá de hoxe en rolda de prensa para facer unha valoración dos cen primeiros días de Goberno de Alberto Núñez Feijóo como Presidente da Xunta de Galicia e a súa incidencia na nosa comarca. Os parlamentarios subliñaron que, tan só nos cen primeiros días de Goberno, triplicouse o investimento do Executivo bipartito na Mariña lucense. Circunscribíndonos ao último exercicio orzamentario pechado, o do ano 2008, se a Xunta bipartita comprometeu 18,8 millóns de euros para obras e servizos con destino determinada no nosa comarca, tan só nos cen primeiros días a Xunta do PPdeG  comprometeu 48,16 millóns de euros, isto é, máis do triplo.

21 MILLÓNS MÁIS QUE NOS ÚLTIMOS TRES EXERCICIOS.- Estes datos son aínda máis significativos se comparamos o orzamento realmente executado polo bipartito e o que xa ten comprometido o PPdeG. Mentres que nos tres últimos exercicios pechados (anos 2006, 2007 e 2008) o Goberno de PSOE e BNG executaron obras e servizos na Mariña por valor de 27 millóns de euros, o Executivo de Feijóo investiu, nestes primeiros meses de Goberno, un total de 48 millóns de euros. Isto é, 21 millóns de euros de diferenza a favor dos populares que redundan en beneficio da nosa comarca.

PRINCIPAIS ACTUACIÓNS.- Entre as principais actuacións, obras e servizos que engrosan o haber do PPdeG nestes cen primeiros días, os deputados populares subliñan a adxudicación das obras do primeiro treito do corredor da costa, entre San Ciprián e Celeiro –cun investimento de 32 millóns de euros-. Esta xestión rompe co esquecemento no que o bipartito mantiña a principal infraestrutura que é competencia da Xunta na nosa comarca. Mentres que eles na última lexislatura non foron capaces de executar un só metro de corredor, o PPdeG xa adxudicou o primeiro dos tramos desta vía. Tamén en materia de infraestruturas o Goberno galego puxo en marcha varios proxectos básicos destinado á mellora de estradas da rede secundaria. Entre elas varias das máis empregadas polos veciños desta comarca como son Bretoña-Lindín (Mondoñedo – A Pontenova e orzamento de 2,6 M€) e Pozomouro-Espiñeira (Barreiros-Foz cun investimento de 229.564 euros).

Outras das consellerías que maior investimento achegou ao conxunto das bisbarras da Mariña lucense foi a do Mar. Así o Ente Público Autonómico Portos de Galicia achegou preto dun millón de euros para o aumento de cota do perirao comercial de Ribadeo, anunciou a adxudicación da construción dunha nova nave que servirá como almacén de mercadurias e investirá máis de 2 millóns de euros en modernizar toda a infraestrutura eléctrica das instalacións portuarias no norte de Lugo. Ademais, desde o PPdeG subliñan que, por primeira vez, a Xunta a través deste ente público autonómico está a elaborar un informe de viabilidade co que contan apoiar a apertura do dique  norte de Alcoa. A Consellería do Mar tamén recuperou a promoción do bonito, un produto pesqueiro de grande importancia para o conxunto da flota da Mariña e, de xeito especial, para as empresas que operan no porto de Burela e comprometeuse a dotar dunha dobre tripulación ao helicóptero Pesca II, con base en Celeiro, garantindo a súa operatividade as 24 horas do día os 365 días do ano.

No eido da promoción da industria e do emprego debemos subliñar, xunto ao investimento de 5 millóns de euros para urbanizar o parque empresarial de Landrove (Viveiro) –esquecido ao longo de toda a pasada lexislatura polo bipartito- así como os máis de 1,5 millóns de euros que a Xunta inxectou nos distintos concellos da Mariña para a contratación de 180 traballadores, nos servizos de GRUMIR ou socorristas. A todo isto debemos sumar a incidencia do plan de emprego municipal co que o PPdeG pretende impulsar a contratación de parados que teñan esgotada a súa prestación ou subsidio.

Cómpre tamén subliñar outras actuacións como son aposta pola promoción turística da Mariña, ou o apoio á festas de grande interese como son a Feira de Artesanía de Ferro de Riotorto ou a Queimada Popular e a Maruxaina en Cervo.

A XUNTA POLO BO CAMIÑO.- Analizando estes e outras actuacións, os deputados populares conclúen que o novo Goberno de Galicia vai polo camiño correcto e, tal e como amosan as súas xestións nestes cen primeiros días, o Executivo que preside Feijóo, cumpre e cumprirá a súa palabra dada aos veciños desta comarca.

En todo caso, Balseiro e Álvarez subliñaron que é moito o que falta por conseguir aínda, unha tarefa que non é doada. “Non é sinxelo, nin posible en 100 días poñer fin, compensar, revisar, catro anos de esquecemento da nosa comarca e mala xestión por parte do bipartito. Pero igual que afirmamos esto podo dicir que o Partido Popular ten  moi clara cal é a folla de ruta, e está vén establecida polo programa electoral, polo compromiso adoptado con cada un das veciñas e veciños da Mariña lucense”. Conseguir facer realidade cada unha destas promesas é “un traballo que asumimos con esforzo e ilusión”.

O MELLOR ESTÁ POR CHEGAR.- Ata o  momento a actual Xunta ten unha grande limitación á hora de elaborar gran parte das actuacións pendentes. Os actuais orzamentos para 2009 son os elaborados polo bipartito e, en liñas xerais, supoñen un corsé que xunto aos buratos orzamentarios deixados por PSOE e BNG, e a propia incidencia na recadación derivada da crise económica, fan difícil esta tarea. En todo caso, a idea que desexan trasladar desde o PP comarcal é moi clara: con Feijóo ao fronte da Xunta, o mellor está por chegar.