Santiago , 23 de xullo de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, asegura que a gran preocupación dos socialistas está en que o novo Goberno de Galicia vai a terminar co sistema confiscatorio e irracional de taxas portuarias posto en marcha polo PSOE na pasada lexislatura, cando esta formación política xestionaba a extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Deste xeito interpreta o parlamentario popular as críticas realizadas polo deputado socialista Ismael Rego quen cualificou como un globo sonda a intención dos novos xestores da Xunta de Galicia de reducir este tipo de cargas impositivas que se lles cobran a mariñeiros, armadores e outros usuarios das instalacións portuarias de competencia autonómica.
Balseiro explicou que, tal e como adiantou o presidente do Ente Público Portos de Galicia, na súa comparecencia na Cámara galega, Jose Manuel Álvarez- Campana, estase a elaborar un estudo dirixido á simplificación, racionalización e redución das taxas portuarias. O voceiro do Mar do PPdeG amósase sorprendido porque o deputado Ismael Rego non se dera conta desta cuestión, xa que preside a Comisión de Economía onde precisamente se adiantou a elaboración deste estudo. Segundo Balseiro Orol esta falta de rigor do deputado socialista amosa ben ás claras que o que verdadeiramente lles molesta é que exista un compromiso claro para baixar este tipo de impostos, favorecendo aos homes e mulleres do mar, e racionalizando os trámites administrativos que se ben obrigados a soportar estes usuarios dos portos galegos.
REVITALIZAR A ECONOMÍA PORTUARIA.- “O que os novos responsables da Xunta de Galicia buscan, mediante a futura modificación do actual sistema de taxas é revitalizar a actividade económica nas distintas instalacións portuarias empregando precisamente un sistema contrario á filosofía que defenden os socialistas, e por iso molesto para o PSOE, isto é, baixando os impostos en vez de promovendo máis cargas tributarias, taxas e sistemas de confiscación da riqueza” explicou Balseiro Orol.
COMPLEXIDADE E TRANSCENDENCIA TRIBUTARIA.- Por outra banda, o voceiro do Mar do PPdeG clarexou que se Ismael Rego non é capaz de comprender que antes de acometer a anunciada reforma das taxas portuarias, e de todo o sistema administrativo a elas vinculado, resulta necesario elaborar un estudo previo, entón moi probablemente este señor non estará á altura da responsabilidade que este deputado ostenta, isto é, o de presidente da Comisión de Economía do Parlamento.”Temos previsto facelo ben, e hai que estudar a mellor fórmula para elo, sobre todo tendo que a anterior Xunta deixou como herdanza un sistema enormemente complexo e con grande carga burocrática” indicou o deputado popular. Balseiro tamén explica que toda redución e simplificación das cargas impositivas, ten a súa influenza no orzamento –que precisamente neste momento se está a elaborar nas súas liñas mestras- e polo tanto non cabe frivolizar.
ALIVIO DA CARGA FISCAL, EN ESPECIA, PARA AS XENTES DO MAR.- Finalmente, Balseiro Orol interpreta o feito de que sexa o deputado socialista Ismael Rego e non a voceira de Pesca do PSOE, Marisol Soneira, quen sae á palestra sobre este asunto é unha claro síntoma de que os socialistas son moi conscientes de que non se pode botar por terra unha iniciativa como a que o PPdeG está a propoñer e que se basea no alivio da carga fiscal que teñen que soportar mariñeiros, armadores, e outros usuarios dos portos galegos.