Partido Popular de Lugo

O Partido Popular urxe á Deputación o arranxo dunha estrada en Láncara

Láncara, a 21 de xullo de 2009.- O Grupo provincial e municipal do Partido Popular instou hoxe á Deputación a arranxar “con urxencia” a estrada que vai dende A Pobra de San Xillao, concretamente dende o campo da feira, ata Carrecedo. Argumentan os populares que o “deplorable” estado no que se atopa o firme  deste vial, un tramo duns 8,4 quilómetros, “dispara” o risco de accidentes e máxime si se ten presente que por el cinculan diariamente unha media de entre 30 e 40 camións de gran tonelaxe que transportan material dunha canteira ubicada nas inmediacións. 

Os deputados provinciais José María González Barcia e José Manuel Mato suliñaron que a “desatención” da que é obxecto esta estrada por parte da Deputación non é “desgraciadamente” un caso aillado. “O bigoberno provincial mantén paralizado o plan de obras previsto polo anterior equipo de goberno da Deputación e claramente é incapaz de poñer en marcha un propio que permita vertebrar axeitadamente a nosa provincia”, engadiron.

“Os cidadáns da provincia de Lugo está percibindo con claridade que os cartos da Deputación non se están a adicar a solucionar os problemas da provincia, a dinamizala, a facela competitiva. Onte tivemos unha mostra máis de que o seu Presidente, Gómez Besteiro, atópase moi cómodo na súa vertente de home anuncio; o malo é que está a converter a administración provincial nunha mala axencia de viaxes”, explicaron.

Pola súa banda, o voceiro do GMPP en Láncara, Eladio Capón, lembrou que no pleno municipal do pasado 29 de maio presentaron unha moción na que reclamaban o ensanchamento, pintado e pavimentación desta vía que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos.

Suliñou neste senso que o alcalde asegurara daquela que a Deputación estaba a traballar neste asunto e que incluso mantiña conversas coa canteira para suscribir un convenio de colaboración. “Pero ata o momento, non se fixo nada de nada”, explicou, ó tempo que indicou que o malestar entre os veciños afectados é enorme, ata tal punto que o PP recolleu un cento de firmas que respaldaban a petición de arranxo desta estrada e foron presentadas como aval no mencionado pleno do pasado mes de maio.