Santiago, 2 de xullo de 2009.- En catro anos de Goberno bipartito perdéronse preto de 40 millóns de euros en investimentos procedentes da Unión Europea como consecuencia da parálise dos proxectos acuícolas imposta pola extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Baixo a dirección da hoxe deputada socialista Carmen Gallego, a Xunta bipartita paralizou o plan de acuicultura elaborado polo Partido Popular e realizou unha proposta diferente, in extremis, ao final da lexislatura, que acadou unha grande oposición social, de xeito especial, en moitas das localidades costeiras onde se prevía a creación de novas piscifactorías, e un grande cuestionamento desde o punto de vista empresarial, xa que incluía proxectos de dubidada rendibilidade técnica e económica.
O voceiro do mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol lembra que a creación de novas granxas de cría e engorde de peixe en Galicia sufriu, pola incapacidade do Executivo de PSOE e BNG, un grande freazo o que motivou a perda do liderado acuícola mundial. O desenvolvemento da industria acuícola acumulou un grande atraso despois de que o bipartito paralizara importantes proxectos que contribuirían a crear maior riqueza e máis empregos no noso país.
Balseiro Orol reprochou que agora desde o PSdeG reclamen celeridade na posta en marcha de novas instalacións acuícolas cando levan catro anos sen ser capaces de negociar a instalación dunha nova piscifactoría en Galicia. “A xestión de Carmen Gallego pasará á historia como a máis negativa e daniña con respecto ao desenvolvemento desta industria no noso país”. Balseiro subliñou que o Partido Popular compatibilizará o necesario impulso da acuicultura en Galicia coas xustas aspiracións das poboacións costeiras, alí onde os emprazamentos de futuras piscifactorías eran máis cuestionables. Os populares centrarán o seu esforzo en recuperar o tempo perdido e, deste xeito, en lograr os máximos investimentos posibles para a posta en marcha de novas granxas de cría e engorde de peixe. “Hai que apostar decididamente por este sector e facelo ademais coa seguridade de que suporá maior riqueza e novas oportunidades de emprego para Galicia”.
SERVIZO DE SALVAMENTO.- Por outra banda, o voceiro do Mar do PPdeG tamén cuestionou as críticas que están a recibir desde o PSOE pola decisión de anular a compra dun novo helicóptero de salvamento para a Costa da Morte e destinar este gasto a garantir que o actual operativo aéreo do Servizo de Gardacostas de Galicia poida operar as 24 horas do día os 365 días do ano, a diferencia do acontecido na pasada lexislatura cando, despois de varios sinistros marítimos evidenciouse a falta de operatividade e capacidade do noso servizo áreo de emerxencias marítimas.
Balseiro Orol insiste na idea de que moi mala conciencia deben ter os socialistas con respecto a súa xestión dos medios de salvamento e socorrismo dispostos pola Xunta cando agora están a empregar argumentos cargados de demagoxia para ocultar a realidade. O novo Goberno de Galicia está a traballar para solucionar o caos no que Carmen Gallego e os socialistas deixaron ao Servizo de Gardacostas: helicópteros sen servizo o sen medios, persoal insuficiente, cortes do subministro eléctrico na sede central deste organismo, por non pagar o recibo da luz, pese a que é o lugar onde se coordinan as emerxencias, avarías periódicas nos helicópteros, longos períodos de inactividade… e así un longo etcétera. O voceiro popular de asuntos pesqueiros insiste en que a través da fórmula empregada pola Consellería do Mar tanto a Costa da Morte como o resto do litoral galego teñen unha maior protección e, o que aínda é moito máis importante, o tempo de resposta ante calquera continxencia é menor.
Por outra banda amosa a súa sorpresa de que sexa a deputada Carmen Gallego, e non a voceira de asuntos pesqueiros, Marisol Soneira, quen realice estas afirmacións, tendo en conta que foi precisamente ela, como conselleira de Pesca quen coa súa caótica xestión contribuíu a xerar estes problemas. Tendo en conta os antecedentes que houbo, e episodios tan mal xestionados como os do Cordero ou o Rosamar, debería ter un pouco máis de responsabilidade e vergoña política a señora Gallego Calvar, e non falar sobre salvamento, nin ela, nin o PSOE que a mantivo no seu posto a pesar da súa evidente mala xestión.