Partido Popular de Lugo

O Partido Popular pide á Deputación que estableza un réxime de axudas directas ó sector leiteiro

Lugo, a 26 de xuño de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará o pleno da Deputación do vindeiro martes unha moción de apoio ó sector leiteiro lucense. 

Os acordos que se inclúen nela pasan por demandar ás administracións competentes na materia o apoio á firma de contratos homologados que lle den ó sector a estabilidade necesaria en cuestións tan importantes como a garantía na recollida e no prezo e que éstas, ademais, se aseguren do seu cumprimento; así como a adopción de medidas que aporten liquidez ó sector, nun momento no que as explotacións están moi afectadas pola crise, polo recorte dos prezos do leite e polas dificultades de acceder a un crédito. Estas medidas que se deben implementar son, ó entender dos populares, o establecemento de préstamos cos xuros subvencionados pola Administración, anticipo de axudas, financiamento de avais, divulgación de técnicas de reducción dos custos de produción, etc. 

O GPPP tamén solicita na súa moción que se leven a cabo os controis necesarios en todos os eslabóns do sector, dende a produción, a industrialización e ata a comercialización, para evitar prácticas fraudulentas que poidan provocar algún desequilibrio no mesmo; e pedir á Administración central, e en concreto ó Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino, que se implementen e coordinen todas as  medidas que se poñan en marcha en apoio ó sector e se impulsen hacia outras Comunidades Autónomas, como de feito se está a facer xa dende a propia Xunta de Galicia.

Os populares instan asimesmo á Deputación de Lugo e o INLUDES a establecer un réxime de axudas ó sector leiteiro para garantir a estabilidade do mesmo na provincia baseado nas líñas de actuación que se marcan na propia proposta.

O gran  proceso de reestruturación sufrido polo sector lácteo provocou, segundo suliñan dende o PP, que desapareceran un gran número de explotacións, na maior parte dos casos de pequenas dimensións, que ó liberar a cota que tiñan asignada, conlevaron unha reestrutruración das restantes explotacións. Pero o acordo político alcanzado sobre o chequeo médico da PAC conleva o establecemento de novas  regras de xogo como a liberalización das cotas lácteas a partir do 2015. 

A incertidume provocada pola posible eliminación das cotas e as distorsións producidas nos mercados mundiais (que tanto se están facendo sentir no sector nestes tempos) poñen nunha  situación delicada a moitas das explotacións  existentes na provincia e en Galicia en xeral,  deixándoas, nun cotexto de mercado libralizado, nunha desventaxa competitiva frente as doutros  Estados. 

Ante esta situación, é preciso, ó entender do GPPP, que tanto dende o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, como da Xunta de Galicia e a propia Deputación provincial de Lugo se fagan os esforzos necesarios co fin de impedir que as nosas explotacións perdan competitividade no mercado liberalizado, e que sigan a manter o seu papel fundamental de vertebradoras do territorio e a súa función social de mantemento do tecido no agro galego, particularmente naquelas zonas máis desfavorecidas.