Partido Popular de Lugo

O GOBERNO BIPARTITO DEIXOU A 2.200 EMBARCACIÓNS DE BAIXURA SEN DISPOÑER DO CORRESPONDENTE INFORME PRECEPTIVO PREVIO Á SÚA REGULARIZACIÓN

Santiago, 24 de xuño de 2009.- O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, salientou hoxe no Parlamento que o Goberno bipartito deixou a 2.200 embarcacións de baixura sen dispoñer do correspondente informe preceptivo previo á súa regularización. No debate dunha iniciativa dos socialistas, Balseiro lamentou que, “por desidia ou por descoñecemento, unha lei estatal, impulsada desde o Goberno socialista hai dous anos, de novo choca cos intereses da nosa pesca”, en referencia á Lei 9/2007, do 22 de xuño, promulgada co obxecto de promover a corrección e regularización dos datos inscritos nos rexistros e nos distintos censos pesqueiros.

A dita lei outorga un prazo de dous anos, que está a piques de rematar, para completar o proceso de regularización destes barcos, sen o cal non poden ser empregados para tarefas de pesca artesanal e de baixura. Balseiro resaltou que milleiros de titulares destas embarcacións “ven imposible cumprir o prazo establecido”, de xeito que “unha vez máis, o Goberno de Zapatero crea un problema moito maior do que pretendía solucionar”.

Doutra banda, cando o bipartito deixou a Xunta, “ningunha embarcación galega tiña rematado o seu proceso de regularización”, segundo apuntou o deputado popular, quen indicou que actualmente hai 2.399 solicitudes recibidas, das que 127 están a realizarse fóra de prazo. “Non foron quen durante os últimos dous anos de informar unha soa embarcación para que puidera ser regularizada”, resaltou José Manuel Balseiro, para quen a iniciativa presentada polos socialistas “despois de non ser capaces de ofrecer solucións cando lles correspondía”, demostra “moito medo e moita presa, pola magnitude do erro cometido e porque agora remata o prazo e non deixaron os deberes feitos”.

SOLUCIÓNS CONCRETAS A PROBLEMAS CONCRETOS.- Co fin de paliar esta situación, as tres forzas políticas acordaron solicitar perante o Goberno central a ampliación do prazo de dous anos establecido pola lei para dar tempo a rematar os trámites pendentes. En todo caso, no Pleno do Parlamento, o portavoz de Mar do Grupo Popular explicou que limitarse a ampliar este prazo sen solucionar os problemas de fondo sería alongar a agonía destas embarcacións e trasladar a problemática no tempo. Por iso, o acordo final incorpora un terceiro punto, por proposta do PPdeG para que se estableza un diálogo fluído entre as distintas administracións no que se busquen “solucións concretas aos problemas concretos que se estiveron a dar ao longo de todo o proceso”. Problemáticas das que, engadiu, “xa era consciente tanto o Goberno socialista de Zapatero como os anteriores xestores da extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos” e, a pesar disto, “non se fixo nada”.

O PPdeG non se resigna a que este inxente número de barcos galegos pasen á invisibilidade administrativa e cesen na súa actividade por non poder completar o longo e complicado proceso de regularización. Pero, segundo expuxo Balseiro, ampliar o prazo só constitúe unha solución parcial que non aborda os problemas de fondo. Por esa razón, os populares consideraron que a Proposición non de Lei presentada polos socialistas “se queda a medio camiño e non representa unha solución práctica e efectiva” e que é necesario reforzar os mecanismos de análise e participación do sector pesqueiro e das administracións implicadas para detectar “o que fallou e ofrecer solucións”.