Partido Popular de Lugo

O PPdeG LEMBRA QUE O ACTUAL SECRETARIO DE SANIDADE DOS SOCIALISTAS FOI UN CLARO EXEMPLO “DO QUE NON HAI QUE FACER” NA SÚA ETAPA COMO XERENTE DO XERAL-CALDE DE LUGO

Santiago, 22 de xuño de 2009.- Ante as declaracións feitas hoxe por Miguel Ángel Fernández, o PPdeG quere lembrar que o actual secretario de Sanidade dos socialistas foi un claro exemplo “do que non hai que facer” na súa etapa como xerente do Hospital Xeral-Calde de Lugo. Os populares  lamentan que Fernández “non fose tan tenaz no seu proceder cando ocupaba ese cargo”, segundo afirma o portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Rosendo Fernández.

Rosendo Fernández salienta que a xestión de Miguel Ángel Fernández constituiu “o paradigma da perversión do sistema sanitario”. O PP, engade, “vese na obriga, aínda que ao señor Fernández non lle guste, de lembrar os datos de intervencións cirúrxicas na súa etapa de xerente, na que descendeu a actividade ordinaria de mañás e aumentou a extraordinaria polas tardes”, co que “o que fixo este señor como xerente foi pervertir o sistema de retribucións”.

O deputado popular considera que Miguel Ángel Fernández “retrátase a si mesmo” cando recoñece que xestionou o Hospital con criterios políticos “esquecendo que a Sanidade debe xestionarse con criterios centrados nos pacientes e nos profesionais”.

Doutra banda, o portavoz de Sanidade do Grupo Popular considera “vergonzoso” que o representante socialista “se amose agora tan preocupado pola apertura do novo hospital”, cando o seu partido “non foi quen en catro anos nin sequera de rematar un proxecto xa iniciado pola anterior Xunta do PP nin de rematar as obras infraestructurais necesarias que dependen doutras administracións”. 

FALSIDADES PARA TAPAR A SÚA INEFICACIA.- Para Rosendo Fernández, os socialistas deberan “asumir dunha vez que os cidadáns xa se decataron de que a estratexia do PSOE é a de non facer nada, mentir e botar a outros as culpas da súa inoperancia”, para “comezar a traballar en serio e non perder o tempo inventando escusas de mal pagador baseadas en falsidades para tapar a súa ineficacia”.

O PP pídelle ao PSdeG “un exercicio de responsabilidade” e lamenta que sexa precisamente o ex-xerente do Xeral-Calde, “responsable dunha xestión nefasta nese complexo hospitalario” o que fiscalice a situación no principal centro sanitario da cidade de Lugo.