Santiago, 22 de xuño de 2009.- O Partido Popular considera “moi intensa” a actividade desenvolvida polo Parlamento no primeiro período de sesións da actual lexislatura, período que está a piques de rematar. O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruíz, opinou esta mañá en rolda de prensa que o número de comisións celebradas e de iniciativas debatidas pode cualificarse de “ambicioso” e reiterou que os partidos da oposición tiveron unha participación “claramente importante” nesa actividade, cunha presencia en tempo e número de iniciativas “moito máis xenerosa que a que tivemos nós cando eramos oposición”.
Desde o inicio da actividade parlamentaria efectiva, celebráronse case 30 comisións en mes e medio, nas que se incluíron 61 iniciativas de PSOE e BNG e 35 do Grupo Popular, e todos os conselleiros do novo Goberno terán comparecido antes de rematar xuño. Igualmente, o portavoz do Grupo Popular resaltou que se debateron neste mes e medio máis proposicións non de lei que nos tres últimos meses da anterior lexislatura.
En canto ás sesións plenarias, Ruíz Rivas subliñou que nos catro primeiros Plenos da presente Lexislatura incluíronse un total de 58 iniciativas dos partidos da oposición, fronte a 18 do Grupo Popular. Na lexislatura anterior, as iniciativas dos partidos que apoiaban ao Goberno (PSOE e BNG) foron, nos catro primeiros Plenos, de 23, mentres que as da oposición sumaron 37.
Sumando sesións plenarias e comisións, a Cámara debateu neste mes e medio un total de 119 iniciativas dos partidos da oposición fronte a 53 do Grupo que apoia ao Goberno, segundo resaltou o portavoz popular, quen apuntou que das 20 comisións que incluíron iniciativas, en 11 delas había máis da oposición que do Grupo Popular, mentres que nas 9 restantes igualouse o número.
No que atinxe á actividade de control, debatéronse en comisión 37 preguntas orais de PSOE e BNG, fronte a 25 do Grupo Popular. E, respecto á actividade de impulso, Manuel Ruiz sinalou que houbo nas comisións celebradas 24 proposicións non de lei da oposición e 10 dos populares.
REGULAMENTO.- Manuel Ruíz Rivas insistiu en que o funcionamento da Cámara réxese polo establecido no Regulamento, “que se está a aplicar con evidente xenerosidade cara os partidos da oposición” e polo principio de representatividade e lembrou que os criterios para a inclusión das iniciativas nas ordes do día non se introduciron na reforma de 1993. Esta reforma afectou a outros aspectos, concretamente a declaración de bens e situacións de incompatibilidade dos deputados, a perda de condición de deputado, a substitución dos membros dunha comisión, a competencia das comisións para solicitar comparecencias, a composición da Comisión do Estatuto dos Deputados, a definición das comisións non permanentes, a creación das comisións especiais, a ordenación dos debates en canto á intervención dos membros da Xunta e á facultade da Presidencia, o procedemento lexislativo común no tocante ao debate de totalidade e ao debate no Pleno e o debate de totalidade do proxecto de lei de orzamentos.
Os criterios referidos á inclusión na orde do día de interpelacións e proposicións non de lei quedaron regulados polo Regulamento de 1983, aprobado por 51 votos a favor e 2 abstencións por un Parlamento no que o entón Grupo de Alianza Popular contaba con 26 deputados dos 71 totais.