Partido Popular de Lugo

O PPdeG APLAUDE A POSIBILIDADE DE RETOMAR O PROXECTO DA PLANTA ACUÍCOLA DE CABO TOURIÑÁN POLOS BENEFICIOS QUE SUPORÍA PARA A COMARCA E PARA O SECTOR EN GALICIA

Santiago, 22 de xuño de 2009.- O Partido Popular de Galicia aplaude a posibilidade de que se retome o proxecto da planta acuícola de Pescanova en Cabo Touriñán polos beneficios que suporía tanto para a comarca como para o sector en Galicia. O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruíz, culpou esta mañá en rolda de prensa ao anterior Goberno galego de deixar perder “a gran oportunidade que supoñía o proxecto inicial de Pescanova” e pediu que “volva a racionalidade ás políticas”.

Manuel Ruíz lembroulle aos socialistas que o Plan Acuícola do bipartito “tiña como peculiaridade que todo o mundo estaba en contra”, mentres que a planta de Cabo Touriñán tiña a todo o mundo a favor, e resaltou que Galicia “non pode seguir perdendo oportunidades de liderar a acuicultura a nivel mundial”, sempre que esas oportunidades sexan compatibles coa preservación do medio ambiente, “como é o caso”. 

BALSEIRO: O PLAN DO BIPARTITO, “O MÁIS CONTESTADO”.- Pola súa banda, o portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, salienta que o proxecto de Cabo Touriñán “todo o mundo na Costa da Morte o quería”, mentres que as plantas propostas polo bipartito no seu Plan Acuícola tiñan, polo contrario, “un absoluto rexeitamento”, de xeito que se converteu “no plan máis contestado”. Balseiro remarca que ao Plan Acuícola do Goberno anterior “presentáronse máis de mil alegacións”, mentres que o que deixara o Goberno do Partido Popular en 2005 “só tivo tres”.

O deputado popular considera que ao PSdeG “debera darlle vergonza falar do tema, cando foron os artífices de que un proxecto que supón douscentos postos de traballo directos e outros douscentos indirectos marchara para Portugal en lugar de contribuír ao despegue dunha zona deprimida como é a Costa da Morte”. Igualmente subliñou o feito de que o bipartito “pasará á Historia como o Goberno que non fixo nin un só metro cadrado de piscifactorías”.