Partido Popular de Lugo

BARREIRO: “TEMOS QUE FUXIR DA AUTOCOMPLACENCIA E CENTRARNOS EN SEGUIR A TRABALLAR CO MESMO RIGOR NA DEFENSA DA NOSA PROVINCIA”

Lugo, a 17 de xuño de 2009.- A xunta directiva do Partido Popular de Lugo celebrou hoxe unha xuntanza na que, entre outros asuntos, o Presidente provincial José Manuel Barreiro fixo unha análise pormenorizada dos resultados acadados pola formación nas elección europeas.

Tamén recibiu o visto bo da executiva a proposta realizada polo Presidente de que o conselleiro de Mediro Rural Samuel Juarez se integrara nela como vocal.

No que atinxe á valoración dos comicios do pasado 7 de xuño, Barreiro manifestou a súa satisfacción polo importante incremento de votos recibido, tanto en relación coas europeas de 2004, algo máis de tres puntos, como coas autonómicas, máis de cinco puntos. 

Salientou neste senso que Lugo, en relación coa súa poboación, foi a segunda provincia española na que mellores resultados acadou o Partido Popular, só por detrás de Murcia.

A diferencia acadada con respecto ó PSOE e ó BNG foi, segundo dixo, “apabullante”. “O PP supera en máis de 12 puntos os votos que suman xuntos socialistas e nacionalistas, o que non deixa ningunha marxe de dúbida sobre o maioritario respaldo social que acadou o noso partido e que vén a confirmar a tendencia á alza que xa experimentamos nas autonómicas e que fixo que Lugo resultara determinante para que o PP recuperara o goberno da Xunta de Galicia”, explicou. 

Superar nun 20,68 por cento os votos logrados polo PSOE e nun 45,33 por cento ó BNG fai “albergar unha fundada esperanza”, segundo recoñeceu José Manuel Barreiro, de que no 2011 “poidamos recuperar o goberno de varios concellos e tamén na propia Deputación”. Extrapolando os resultados, de feito, o PP obtería a maioría absoluta en Lugo, Monforte, Chantada, Sarria, Viveiro, Ribadeo, Burela ou Gutiriz. 

O Presidente provincial sen embargo salientou que hai que ser prudentes porque, aínda que os resultados respalden o labor que se está a facer, cada elección é distinta. Neste contexto avogou por seguir a traballar coa mesma intensidade e rigor que ata o de agora, “porque ese esforzo ten recompensa e, sobre todo, fuxir da autocomplacencia ou do exceso de euforia”. 

“Lugo e a defensa dos intereses xerais dos lucenses é a razón básica que marca a actuación do PP de Lugo. Ese ten que seguir a ser sempre o noso obxectivo e a razón da actividade que desenvolvamos en todas as institucións nas que teñamos presencia, ben sexa como oposición ou como goberno”, engadiu.  

Neste contexto, José Manuel Barreiro indicou que seguirase impulsando o proceso de renovación que se está a levar a cabo en todas as agrupacións locais da formación, ó igual que a coordinación das iniciativas que os representantes populares realicen no ámbito municipal, provincial, autonómico e nacional en aras de acadar as mellores prestacións e servicios para todos os lucenses.