Partido Popular de Lugo

O PPdeG INTERÉSASE POLAS MEDIDAS DE APOIO Á FLOTA BONITEIRA PREVISTAS POLO NOVO GOBERNO GALEGO

Santiago, 16 de xuño de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar unha iniciativa na Cámara na que se interesa polas medidas de apoio á flota boniteira previstas polo novo Goberno galego. O PPdeG reclama, así, a colaboración da Consellería do Mar para os centos de embarcacións galegas que poñen rumbo ás augas nas que se efectúa a pesca deste túnido. Para o portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, “todos eles precisan da Xunta para que contribúa na tarefa de xerar valor engadido ás futuras capturas e poida garantir o seu apoio loxístico”.

Así, coincidindo cos primeiros días da costeira, José Manuel Balseiro pregunta á Xunta polas accións relativas tanto ao aspecto loxístico coma de creación de valor engadido, identificación e promoción do bonito do norte. O deputado considera especialmente necesaria a cooperación da Administración galega no eido da promoción, identificación e consumo do bonito capturado pola flota galega, de xeito que se contribúa a xerar valor engadido e a facilitar a tarefa de elección do consumidor, evitando a confusión que este pode ter en relación con este produto respecto doutros de inferior calidade.  

“Desenvolver un intenso labor de promoción, empregando para iso todos os medios dispoñibles que contribúan a achegar ao consumidor final información sobre este recurso pesqueiro, debera ser, onte e hoxe, no pasado e no futuro, unha acción prioritaria do Goberno de Galicia”, apunta o deputado popular, quen resalta que o bonito galego “polo seu elevado valor nutritivo, constitúe unha aposta estratéxica dentro das novas esixencias en materia de alimentación”.

DESIDIA DA ANTERIOR CONSELLERÍA.- O deputado salienta que, malia crise que afectou especialmente a esta flota nos pasados anos, o anterior Executivo galego non actuou con determinación, “poñendo de relevo a falta de iniciativa e a desidia duns xestores que daban unha imaxe certa do seu proxecto esgotado”. A ese respecto, considera que a anterior Consellería de Pesca “non traballou o suficiente, ou incluso esqueceu desenvolver as debidas tarefas de promoción deste túnido, a diferenza do que estaba a ser habitual nas lexislaturas previas á do Goberno bipartito”.

Balseiro lembra que a campaña do bonito, que realizan cada ano arredor de 500 barcos dos que 150 teñen porto base en Galicia, ten unha gran importancia polo seu impacto en canto a man de obra embarcada e en terra, volume de negocio e peso económico, así como polo seu impacto industrial no que respecta ao sector transformador e conserveiro, á parte do consumo en fresco.

A crise do sector pesqueiro afectou especialmente a esta flota, que se viu prexudicada pola problemática dos baixos prezos en primeira venda e a competencia de peixe foráneo, “non perfectamente identificado”. Ante esta situación, e malia que “afortunadamente, a previsión para a campaña que agora arranca achega datos que permiten albergar certo optimismo en comparación co acontecido en anos anteriores”, o PPdeG considera imprescindible “a complicidade e colaboración da nova administración pesqueira”.