Santiago, 11 de xuño de 2009.- A postura intransixente de PSOE e BNG amosada hoxe na Comisión de Industria do Parlamento impediu chegar a un acordo respecto ao apoio á empresa Ingemarga, sita no concello de Guitiriz, como pretendía o PPdeG.
O Grupo Parlamentario Popular plantexou unha emenda á Proposición non de Lei presentada polo BNG, que en principio os nacionalistas aceptaron. Sen embargo, finalmente optaron por defender outra emenda dos socialistas, mediante a que pretendían que o Parlamento instara á Xunta a rexeitar o ERE de Ingemarga.
Os populares defenden o mantemento dos postos de traballo da firma, pero salientan que non se pode esixir á Xunta que rexeite un ERE sen o seu preceptivo estudio previo, como pretendían socialistas e nacionalistas. A deputada popular Ángeles Díaz Pardo resalta, nese sentido, que “os expedientes de regulación de emprego conlevan un proceso que require da súa análise por parte da Xunta antes de pronunciarse sobre a súa aceptación ou rexeitamento”, polo que “esixir ao Goberno autonómico que rexeite un ERE antes de concluído ese proceso sería ir en contra da norma establecida”.
Por esa razón, o PPdeG non puido aceptar a emenda proposta por PSOE e BNG, e lamenta que ámbolos partidos “prefiran manterse na súa intransixencia e defender posturas políticas en lugar de favorecer acordos que beneficien aos traballadores que se atopan nesta complicada situación”, en palabras de Ángeles Díaz, quen resalta que o seu Grupo “fixo todo o esforzo por lograr ese acordo, pero evidentemente dentro da legalidade”.
Os populares entenden que a esixencia plantexada por socialistas e nacionalistas “é só unha estratexia para forzar que non haxa acordo, posto que eles saben que a súa emenda non se pode aceptar”.