Partido Popular de Lugo

O PPdeG LAMENTA QUE PSOE E BNG AFONDEN HOXE NO “ERRO HISTÓRICO” QUE COMETERON AO APROBAR UNHA LEI DE PESCA “ELABORADA CO REXEITAMENTO UNÁNIME DO SECTOR”

Santiago, 9 de xuño de 2009.- O PPdeG lamenta que PSOE e BNG afondaran hoxe, coa súa oposición ao proxecto de lei de modificación da Lei de Pesca de Galicia aprobada polo anterior Goberno autonómico, no “erro histórico” que cometeron ao aprobar unha Lei de Pesca “elaborada co rexeitamento unánime do sector”. Así o puxo de manifesto na súa intervención no Pleno do Parlamento de hoxe o portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, quen resaltou, que o texto lexislativo cuxa modificcación se aprobou hoxe foi elaborado “de costas ao mundo do mar”.

“Nunca antes unha administración responsable impulsou unha lei que contara co rexeitamento unánime do sector tal e como aconteceu na pasada lexislatura”, apuntou Balseiro, quen cualificou a elaboración desa lei como un acto “evidente de soberbia, de manifesta cegueira política e de sectarismo atroz”.

Tras sinalar que quizáis porque “quixeron regulamentar o mundo da pesca, do marisqueo e da acuicultura pero sen contar cos seus protagonistas”, hoxe “vostedes están nesas bancadas e o Grupo Popular, co respaldo maioritario dos galegos, ten a responsabilidade da xestión da nova Xunta de Galicia”, o deputado do PPdeG lamentou que “lonxe do que cabía esperar, nada disto da pé á rectificación das antigas forzas do Goberno bipartito”.

Así, José Manuel Balseiro salientou que socialistas e nacionalistas cometeron “a insolencia” de presentar unhas emendas á modificación da lei “que se caracterizan pola súa falta de seriedade” e sen molestarse “en achegar argumentos cun mínimo de fundamento”.

REGULAMENTACIÓN DAS CONCESIÓNS DE BATEAS.- En canto ao contido da lei hoxe modificada, o deputado popular subliñou que o bipartito pretendeu degradar ás confrarías e intervir ata o límite a súa autonomía pola súa obsesión de suprimir á mínima expresión “todo aquelo que non podían controlar”. Igualmente, sinalou que a lei que aprobou “o malogrado bipartito en solitario” estaba “repleta de baleiros e carencias no ámbito da sustentabilidade dos recursos” e que na súa elaboración “non quixeron ser ambiciosos na regulamentación das concesións sobre as bateas”.

Doutra banda, o portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular cuestionou a actual preocupación dos nacionalistas polo Servizo de Gardacostas, xa que puideron aproveitar a lei, “como a nova Xunta si fará, para solucionar os graves problemas xurdidos no mesmo”, mentres que, pola contra, “a mala xestión do bipartito converteuse no caldo de cultivo ideal para o furtivismo”. PSOE e BNG, engadiu, “pasarán á historia por, dispoñendo dos mellores medios de Salvamento e protección dos recursos de toda Europa, permitir a acción incontrolada dos ilegais que esquilmaron as nosas rías e bancos produtivos”.

Igualmente, resaltou a contradición que supón que falen da necesidade de contar cos informes do Consello Galego de Pesca e do Consello Económico e Social, “os mesmos que desprezaron a contundencia do seu contido”. Nese sentido, lembrou que o Consello Galego de Pesca rexeitou por unanimidade, en novembro de 2007, o contido da lei e, a pesar diso, “non lle fixeron ningún caso”. Do mesmo xeito, negáronse “a asumir a maior parte das propostas e alternativas que o Consello Económico e Social propuxo para corrixir os graves defectos da lei de pesca do bipartito”.

Na pasada lexislatura, concluíu José Manuel Balseiro, “coa imposición da vosa lei, e hoxe coas emendas, as forzas do malogrado bipartito amosades un gran descoñecemento do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola do noso país”. Tras catro anos “perdidos para a nosa pesca” en que “socialistas e nacionalistas defraudaron ás xente do mundo do mar”, hoxe, coa modificación da lei, “avanzamos no compromiso adquirido polo presidente Núñez Feijóo cos profesionais do mar”.