Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A REGULARIZAR A SITUACIÓN DOS TERREOS SOBRANTES E FACILITAR O ACCESO A SÚA PROPIEDADE PARA GANDEIROS E AGRICULTORES

Santiago de Compostela,  5 xuño  2009.- O Grupo Popular ven de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que insta a Xunta de Galicia a regularizar as Masas Comúns ou Terreos Sobrantes existentes na maior parte dos concellos galegos, froito de reorganizacións territoriais das concentracións parcelarias. Na iniciativa solicita que se arbitren medidas para que os gandeiros ou agricultores que están explotando estas fincas, ben en réxime de aluguer ou por costume de uso, teñan facilidades para acceder a súa propiedade.

Na iniciativa do PPdeG tamén se inclúe a posibilidade de ceder terreos que sexan de interese para as Administracións locais aos concellos para uso público sempre e cando carezan de interese para ser explotados polo sector primario.

Ademais os deputados populares solicitan que para aqueles Terreos Sobrantes que carezan de interese se estude un plan de actuación cuxo fin sexa mantelos limpos de maleza sen danar a flora e a fauna autóctona do lugar onde se atopen.

Segundo a autora da iniciativa, a deputada Emma Álvarez Chao, estes  terreos na actualidade son propiedade dos propios concellos ou da Xunta e son explotados por terceiras persoas en moitos casos con fins agrícolas ou ben figuran incorporados ao BANTEGAL para o seu aluguer carecendo de interese agrícola algúns deles. Considera que é necesario buscar unha saída  para que as persoas que as estean explotando podan ter opción a súa compra e os restantes terreos sexan coidados en mantelos limpos de maleza, ben por cesión aos concellos ou articulando un plan de actuación xeral.