Santiago, 4 xuño de 2009.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado co fin de que se esixa aos matadoiros que cubran de forma específica tódolos campos da etiqueta de trazabilidade. Na iniciativa se solicita que sexan especialmente rigorosos co lugar de procedencia, especificando a Comunidade Autónoma sen limitarse unicamente a poñer España e esixindo que este dato sexa coñecido polo consumidor final.
Para Emma Álvarez Chao, autora da iniciativa, se trata de solventar un problema que supón unha fonda preocupación para o sector gandeiro da nosa Comunidade. Esto se produce xa que desde distintas Comunidades veñen a matarse reses de gando, maioritariamente vacún, aos nosos matadoiros saíndo destes con etiquetas de trazabilidade onde non figura o lugar específico de procedencia do animal sacrificado.
Segundo a deputada popular é necesario distinguir con claridade a procedencia dos animais que saen dos matadoiros galegos para que o consumidor final teña claro esto cando vai a mercar carne e saber se se trata dun produto autóctono ou non. Así mesmo indica que na situación actual pola que está a pasar o sector gandeiro todas as medidas son necesarias para manter os empregos que se xeran e é imprescindible a promoción dos produtos galegos. “Polo menos que o consumidor sexa consciente da procedencia do que vai comprar” indica Emma Álvarez.