Lugo, 30 de maio de 2009.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, considerou hoxe que Galicia e España teñen que ser “parte da solución e non parte do problema” en Europa e puxo á nosa comunidade como exemplo de que basta con querer para poder levar adiante un cambio responsable.
“Dixemos non á resignación e confiamos na forza dun pobo que quería cambiar; e logramos o que parecía impensable: gañar á primeira e por maioría absoluta”, dixo Feijóo nun mitin en Lugo, e engadiu como exemplos de que con vontade se pode conseguir calquera cousa que o novo Goberno galego cumprira a súa palabra e fixera a Administración máis pequena e eficaz da historia da comunidade.
O líder do PPdeG destacou que en Galicia se abriu o primeiro burato no muro de soberbia e incompetencia que protexe ó presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e pronosticou que o segundo se abrirá nas próximas eleccións europeas, antes de caer definitivamente para dar paso a un novo tempo político de esperanza e de prosperidade liderado polo PP.
Nesta liña, apuntou que, como ocorreu en Galicia, as mentiras do PSOE non lles servirán de nada nin en España nin en Europa e, a modo de ilustración, explicou que ós socialistas non lles valerá con dicir que a crise económica é culpa dos populares porque a sociedade sabe perfectamente que os segundos son expertos en saír das dificultades e os primeiros expertos en meternos nelas.
Tamén considerou que o electorado castigará nas urnas que o PSOE siga prometendo axudas ós dependentes, cando a práctica totalidade deles seguen sin cobrar nin un só euro. Pola contra, destacou que os grandes dependentes galegos cobrarán o que lles corresponde por dereito gracias ó esforzo sobrehumano da actual Xunta de Galicia e non pola actitude dos socialistas, que prefiren gastar o diñeiro de todos en coches, despachos, sedes suntuosas, paseos en avión militar ou contratos millonarios con parientes.
Do mesmo xeito, atribuiu ó comportamento responsable do Goberno galego que o sector lácteo poida dispoñer de axudas para afrontar a difícil situación que atravesa, algo que comparou coa indolencia do Executivo estatal socialista. Así mesmo, puxo de manifesto a restra de mentiras do PSOE e a restra de complicidades do BNG respecto ó AVE e garantiu que, pese a isto, a alta velocidade será unha realidade en Galicia gracias á presión da actual Xunta.
CAMBIO NA TRIPULACIÓN.- Despois de concluír que España é un barco en mans de aventureiros irresponsables, enfatizou a necesidade de cambiar a tripulación e referiuse ó vindeiro 7 de xuño como un día moi importante para decidir qué Europa queremos.
Por iso, chamou ós militantes e simpatizantes populares a explicarlle ós galegos a trascendencia dos comicios europeos. “Europa é unha lonxanía cercana para todos e cada un de nós”, expuso, e recordou que Galicia deu pasos moi importantes cara o progreso gracias á solidariedade europea.
Deste xeito, considerou que a cidadanía é consciente de que o PPdeG apostou sempre por construír e non por destruír, polo que se mostrou convencido de que os populares galegos cumprirán o reto histórico de lograr dúas maiorías absolutas en soamente tres meses.