Partido Popular de Lugo

O PPdeG PIDE EXPLICACIÓNS SOBRE UNHA SUPOSTA SUBVENCIÓN DE 20 MILLÓNS DE DÓLARES CONCEDIDA POLO GOBERNO DE ZAPATERO AOS PRODUTORES ACUÍCOLAS VIETNAMITAS

Santiago, 29 de maio de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia ven de rexistrar dúas iniciativas na Cámara nas que pide explicacións sobre unha suposta subvención de 20 millóns de dólares concedida polo Goberno de Zapatero aos produtores acuícolas vietnamitas. O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela, informou hoxe en rolda de prensa sobre a recente aparición nunha publicación de Vietnam dunha información na que se afirma que pescadores de varias provincias dese país benefícianse dunha valiosa axuda do Goberno de España, por un montante total de 20 millóns de dólares, destinada a aumentar a súa produción de granxas acuícolas. Segundo a dita publicación, a subvención será tamén destinada a outros países como Cambodia, Indonesia, Filipinas, Sri Lanka ou Timor, co mesmo obxectivo.

Daniel Varela e o portavoz de Mar do Grupo Popular, Manuel Balseiro, preguntarán á conselleira do Mar, a través desas iniciativas parlamentarias, se ten confirmación deste feito, que suporía “un grave ataque ao noso sector pesqueiro”. Segundo expuxo Daniel Varela, “sería un escándalo que o Goberno español estivera axudando a aumentar a competencia desleal que para o noso sector da pesca supoñen as importacións de peixe de países asiáticos”. O deputado lembrou que o seu partido xa presentara o pasado ano unha iniciativa dirixida a que se reforzaran os controis sanitarios nas importacións de peixe panga, ante os datos que constataban a presenza de contaminantes neste produto.

AUMENTO DAS EXPORTACIÓNS DE PAÍSES ASIÁTICOS.- O Grupo Parlamentario Popular lembra que as importacións masivas de produtos asiáticos inciden gravemente na crise que atravesa o sector pesqueiro galego, xa que compiten con él nos mesmos mercados e con esixencias de produción moi inferiores. Como datos ilustrativos, o deputado salientou que as exportacións de produtos acuícolas asiáticos á Unión Europea aumentaron nun 235 por cento tan só entre 2004 e 2007, a un ritmo dun 60 por cento anual, mentres que “as condicións de produción desde o punto de vista ambiental, social e técnico-sanitario distan moito das esixidas aos produtores da UE”. En concreto, os procedentes de Vietnam pasaron de 11.166 toneladas en 2004 ás 55.568 en 2008, segundo fontes da Axencia Tributaria Española.

Tendo en conta a grave incidencia desas importacións no sector pesqueiro galego, para o PPdeG resulta “cando menos rechamante que o Goberno de España financie co seu orzamento as devanditas granxas e produtos acuícolas asiáticos”. Por esa razón, considera de enorme importancia confirmar a concesión da devandita subvención, para o que preguntarán á conselleira do Mar se ten coñecemento da certeza desa información e, no seu caso, de cál é o departamento ou organismo do Goberno español que financia a dita operación, así como de cáles son as razóns que xustifican, de confirmarse, semellante achega e se a mesma conta coa aprobación do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.