Partido Popular de Lugo

Carmen Fraga non só rexeita a supresión das cotas lácteas en 2015 senón tamén o seu incremento lineal

Castro de Rei, 29 de maio de 2009. –  A candidata popular ao Parlamento Europeo, Carmen Fraga, expuxo nun acto sectorial de gandería en Castro de Rei o seu parecer ante as determinacións que está tomando a Comisión Europea na materia manifestado o seu desacordo. Destacou en concreto a medida de suprimir as cotas lácteas por completo para o ano 2015 sinalando que se trata dunha decisión “moi cuestionable” posto que deberían “manterse ata que conclúan a súa misión”. Subliñou que máis tarde ou máis cedo o mercado fará ver que aínda son necesarias para evitar a competencia desleal de países máis potentes e mostrouse, polo tanto, favorable a revisar e rebater a decisión da Comisión.

A candidata non só fixo fincapé na nocividade que supón a aplicación das cotas para 2015, senón tamén na do incremento lineal das cotas lácteas nas últimas cinco campañas que, ao seu ver, non fixo máis que intervir negativamente no mercado desestabilizándoo. Con respecto a isto, a candidata resaltou a pouca idea que ten o goberno español, que aprobou a decisión, sobre o tema posto que parecen descoñecer que “esa medida castiga a España e, especialmente a Galicia” xa que pon límites á súa capacidade productiva. 

Carmen Fraga sentenciou, en consecuencia, que non se concibe que España e Galicia, onde somos deficitarios de máis de tres millóns de toneladas de leite, se teña un incremento de só 300.000 toneladas mentres que outros países con superávit como Francia ou Alemaña teñen un aumento de máis dun millón, como marca a norma do incremento lineal. A candidata especificou que o xusto sería que o aumento fose meirande onde hai déficit de cotas, como sucede en España e, concretamente, en Galicia, que pode producir moito máis do que lle permiten as súas cotas actuais, e non meirande nos países que xa teñen sobreprodución.

Polo tanto, Carmen Fraga manifestou que a proposta do PP é a de anular ditos incrementos lineais das cotas lácteas e compensar ás Comunidades que, como Galicia, amosan un déficit crónico de cotas e case non posúen outras alternativas produtivas. Preténdese, deste xeito, outorgarlles un tratamento “diferenciado e preferente” ás áreas menos favorecidas.

A candidata tamén mencionou a necesidade de establecer medidas para incrementar a contía de pago único ás explotacións lácteas, co obxectivo de compensar de forma real e perda de rendas, así como medidas para ampliar o pago adicional ás explotacións con limitacións específicas, para asegurar dese xeito que as máis desfavorecidas e con menos alternativas produtivas poidan manterse en boas condicións.