Partido Popular de Lugo

O GPPP ADVIRTE QUE OS INFORMES E PROXECTOS PARA A REALIZACIÓN DAS REFORMAS EN LOCAIS DO PAZO PROVINCIAL FORON REALIZADAS POR UNHA ÚNICA EMPRESA

Lugo, a 21 de maio de 2009.- O GPPP asegurou que os informes ou proxectos técnicos realizados para a contratación das obras de adecuación levadas a cabo en distintos locais do Pazo Provincial foron realizados todos eles por unha mesma empresa, sen que conste no expediente a incapacidade ou saturación de traballo dos equipos cos que conta a propia Deputación ou os seus órganos autónomos, como INLUDES ou SUPLUSA, para poder acometelos directamente.

As contratacións das reformas dos locais, que foron executadas por dúas empresas, foron todas elas adxudicadas ou por contratación directa ou por procedemento negociado sen publicidade.

Asimesmo, os populares aseguran que as certificacións expedidas para poder abonar as facturas correspondentes a tales actuacións foron igualmente asinadas pola mesma persoa, allea á administración provincial, que aínda que reúne as condicións para poder facelo, pon de manifesto que a Deputación parece non fiarse do seu propio persoal para a realización deste cometido, pese a que conta con suficiente cualificación profesional para facelo.

A realización de tales informes e proxectos, así como a expedición das certificacións, supón un gasto engadido para a Deputación que, pese a non ser importante en termos absolutos, pon de manifesto, unha vez máis, o pouco que lle importan ó Sr. Gómez Besteiro administrar axeitadamente os cartos de todos os cidadáns desta provincia.

Os populares van máis alá, e aseguran que determinadas facturas non detallan os traballos efectuados nin os materiais empregados. Así, por exemplo, dúas delas só indican  “adecuación de despachos para …” ou “adecuación de locais para…”.

Para o GPPP, estas actuacións teñen certa similitude con outras que no seu momento foron denunciadas por socialistas e nacionalistas. Polo tanto, na opinión dos populares, podese concluir que se aquelas eran susceptibles de crítica, estas tamén o son, sobre de todo cando se denigra a funcionarios da Deputación que teñen cualificación demostrada para facer proxectos e informes deste tipo, ó igual que para expedir certificacións acreditativas de finalización e adecuación de obra ó proxecto.