Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR FAI EN MONFORTE UN CHAMAMENTO Á IMPLICACIÓN DOS SEUS AFILIADOS NA CAMPAÑA DAS EUROPEAS

Monforte, a 18 de maio de 2009.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro, xunto co Secretario xeral da formación, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes populares da circunscrición de Monforte, conformada polos municipios de Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, O Saviñao e Sober.

O encontro, que se celebrou na sede do PP de Monforte, enmárcase dentro dun calendario de traballo establecido pola dirección provincial para pulsar a situación na que se atopa o partido, dende o punto de vista organizativo, de cara á vindeira apertura da campaña electoral ós comicios europeos. Así, xa se celebraron xuntanzas deste tipo en A Fonsagrada, Chantada e Vilalba. 

Dende a dirección do PP insistiuse na mensaxe de que tamén estas eleccións son importantes para a defensa do interese común de toda a cidadanía e fíxose un chamamento, tanto ós cargos locais do partido como ós afiliados e simpatizantes en xeral dos nove concellos desta circunscrición, a que se impliquen no desenvolvemento da campaña das europeas na mesma media que o fixeron nas autonómicas. “Estamos ante un novo exame e temos, como fixemos o pasado mes de marzo, que pasalo con nota”, suliñou Barreiro.

Fixo referencia neste senso a que en Bruselas, ademais dun importante reparto de fondos estructurais, adóptanse acordos de gran relevancia e trascendencia para sectores productivos básicos na economía lucense como pode ser, por exemplo, o primario. Dada a situación na que se atopan as explotacións gandeiras, especialmente as leiteiras, ou incluso os pescadores, en opinión dos populares é fundamental que haxa en Europa unha boa representación española, implicada e coñecedora da situación pola que se está a pasar e que, polo tanto, defenda con contundencia e decisión os intereses do país.

Non se artellou ningunha medida concreta para axudar ós gandeiros, a pesares de que tanto dende o PP como dende as asociacións ou colectivos agrarios lévase moito tempo alertando de que a situación era insostible. Agora, indicou Barreiro, as consecuencias estanse a ver e un exemplo é o que acontece coa planta de Outeiro de Rei. “A nefasta política desenvolta polo Goberno central, que incluso está a recoñecer a propia ministra Espinosa, e a desatención da que foi obxecto o sector por parte do bigoberno da Xunta haberá que tentar arranxala e”, segundo recoñeceu, “a tarefa non vai ser doada”.

De calquera xeito, o que está claro é que as medidas adoptadas polo Goberno central para tentar neutralizar a crise económica en xeral e a do sector gandeiro en particular non acadaron o seu obxectivo. Non se acomenteu ningunha reforma estructural e segue a medrar o déficit público e a cifra do paro. O novo paquete de medidas recientemente anunciado polo Presidente Zapatero no debate do estado da nación, “aínda que algunhas son copias dos plantexamentos defendidos no seu momento polo Partido Popular, pode, desgraciadamente, que corran a mesma sorte porque, de entrada, chegan moi tarde no tempo”. 

Para José Manuel Barreiro non hai dúbida de que os socialistas “non están a altura das circunstancias e que, hoxe por hoxe, o único partido que pode ofrecer garantías e impulsar un cambio de rumbo é o Partido Popular”.