Partido Popular de Lugo

O PP RECLAMARÁ A TRAVÉS DOS PLENOS MUNICIPAIS O REFORZO DOS MEDIOS DE VIXILANCIA E CONTROL DISPOSTOS POLO GOBERNO CENTRAL NA COSTA DA MARIÑA LUCENSE

Santiago, 14 de maio de 2009.- Os deputados no Parlamento de Galicia Jose Manuel Balseiro  Orol, Emma Álvarez Chao e a senadora María del Carmen Gueimunde presentaron el rolda de prensa unha iniciativa a través da que reclamarán o reforzo dos medios de vixilancia e control dispostos polo Goberno central na franxa costeira da nosa comarca. Os populares formularán a súa proposta a través dos plenos municipais dos distintos concellos por entender que as entidades locais poden amplificar e fortalecer a reivindicación para a mellora dos servizos existentes que, na actualidade, están “minguados, son insuficientes e deben ser reforzados de xeito permanente”.

Na exposición de motivos contida na moción municipal fanse eco da situación pola que están a pasar estes servizos de protección e seguridade das nosas costas, que xa no seu día motivaron sendas iniciativas parlamentarias tanto na Cámara galega como no Senado. Máis en concreto, sinalan como prioridade atallar as problemáticas xurdidas no tocante á Garda Civil do Mar e no relativo aos medios operativos de Vixilancia Aduaneira.

PERSOAL PARA A SEDE VIVAIRENSE DA GARDA CIVIL DO MAR.- O servizo marítimo da Garda Civil, pese a dispoñer dunha sede no peirao de Viveiro desde fai preto de catro anos, aínda non entrou en funcionamento. Isto converte á nosa costa nunha área especialmente vulnerable fronte a acción dos ilegais, as mafias e o narcotráfico. Os populares subliñan que foron as propias asociacións profesionais da Garda Civil quen, con coñecemento de causa, alertaron sobre o perigo que esta situación carrexa.
Conscientes desta problemática as distintas corporacións municipais terán a oportunidade de reclamar do Goberno de Zapatero a dotación de persoal administrativo, medios técnicos e efectivos humanos suficientes para a posta en marcha e apertura da Sede da Garda Civil do Mar na localidade de Viveiro (Lugo).

VIXILANCIA ADUANEIRA.- Pero a reivindicación dos populares que os populares pretenden impulsar desde os distintos concellos da Mariña non se limita ao tocante aos efectivos policiais. Tamén existen outros medios de titularidade pública dispostos na nosa costa para a loita contra a acción dos ilegais. Este é o caso do Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependente de Axencia Tributaria. A embarcación adscrita a este servizo –Alcaraván II– permanece grandes períodos de tempo amarrada en porto, afectada por avarías que inexplicabemente nunca rematan por ser arranxadas. De feito nas pasadas semanas os populares fixéronse eco do amarre forzoso de esta embarcación, por máis de seis meses, desde novembro do ano pasado. Esta falta de operatividade da embarcación de Aduanas, supón un exemplo máis da falta de interese e desidia coa que están a traballar a Administración central na nosa comarca.

Os populares coa súa proposta para adoptar un acordo unánime das Corporacións Municipais, urxen ao Goberno central a reforzar estes medios materiais e a incrementar o persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneira. 

NARCOTRÁFICO.- Segundo o explicaron os dirixentes populares que presentaron a iniciativa na tarde de hoxe, carecer dos efectivos da Garda Civil do mar, pese a dispoñer da infraestrutura e das dotacións técnicas necesarias é algo que ven de lonxe, reivindicación e loita continua do PP despois de que o Ministerio do Interior confirmarse que non tiña entre as súas prioridades poñer en marcha este servizo na nosa costa. Mais a isto, agora debemos engadir a falta de operatividade da lancha de Aduanas amarrada no peirao ribadense. Ambas situacións son o caldo de cultivo ideal para que os ilegais poidan actuar con impunidade nas nosas costas. De xeito especial, os populares alertaron da vulnerabilidade da franxa costeira mariñá fronte ao narcotráfico, cos graves prexuízos socias aparellados ao consumo ilegal deste tipo de sustancias. “Falamos de falta de compromiso da administración ante unha grave ameza á saúde pública e un importante problema de seguridade pública”.

INTERESE MUNICIPAL PRIORITARIO.- Por todo iso, reclamar un posicionamento dos concellos, como administracións máis próximas aos cidadás e, polo tanto máis conscientes desta realidade, constitúe unha acción de interese municipal prioritario. Abundar neste obxectivo – “que entendemos será por todos pretendido”- é o que busca a proposta de moción que presentará o Partido Popular para o debate e aprobación, nas vindeiras sesións plenarias previstas na nosa comarca.