Lugo, a 12 de maio de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular considera “vergoñento” que a Deputación diga agora que quere fomentar o aproveitamento turístico das instalacións náuticas coas que conta a administración provincial en Chantada, tras manter, dende a chegada do bigoberno ó Pazo de San Marcos, non máis absoluto olvido non só as dependencias ubicadas en Belesar senón todas as destas características existentes na provincia.
Salientan os populares que ata o momento está totalmente constatado que, agás a colocación dun novo pantalán en Doade, dende a administración provincial non se fixo nada, nin labores de mantemento sequera, nestas instalacións. Tal deixadez provocou, como caso máis sangrante, o acontecido na área deportiva-recreativa de Augasmestas, no concello de Quiroga, que foron totalmente expoliadas. Unha situación que, segundo indican, non só provocou un grave perxuizo económico, senón que supón un salientable detrimento do patrimonio co que conta a administración provincial.
Neste senso e co obxectivo de valorar a perda ocasionada, o GPPP solicitou por escrito o pasado día 7 á Deputación información pormenorizada sobre cánto se investiu no seu momento nas obras e na dotación de equipamento e mobiliario nestes enclaves, todos eles, ademais, de importante valor turístico.
O GPPP lembra que hai uns días criticou que se levara á xunta de goberno a constatación de que quedaba deserta a concesión da explotación de diversas instalacións desta índole, precisamente dous anos despois de iniciarse o concurso. Trátase, en concreto, das instalacións deportivo-recreativas de Augasmestas, no concello de Quiroga; da cafetería bar-quiosco en Augas Férreas, en Lugo; das dependencias existentes en San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; das de Doade, en Monforte de Lemos; da cafetería de todas as embarcacións de recreo coas que conta o organismo provincial; e as instalacións ubicadas na presa de Belesar, así como no pobo, no municipio de Chantada, que agora se pretenden potenciar.
O GPPP explica que o concurso para a concesión da xestión indirecta destas instalacións abriuse en maio de 2007 e que un informe da xefatura da área de Urbanismo do 6 de setembro dese mesmo ano, aconsellaba que as concesións quedaran desertas porque, naques casos no que se presentaran ofertas, os aspirantes non cumplían os requisitos marcados nos plegos de condicións. No que atinxe ás dependencias existentes en Augas Férreas e as dúas existentes no municipio de Chantada ninguén amosou interese por facerse cargo da súa xestión.
Os populares chaman a atención tamén sobre o feito de que a mesa de contratación reuniuse hai dous meses para resolver estes concursos e que propuxo que éstes quedaran desertos basándose precisamente no informe de Urbanismo xa mencionado do 6 de setembro de 2007. É dicir, a Deputación tardou dous meses en levar este asunto á xunta de goberno, o que quere dicir que a resolución destes concursos demorouse máis de dous anos sen necesidade.