Partido Popular de Lugo

A PROPOSICIÓN NON DE LEI DO BNG SOBRE OS PARQUES EÓLICOS MARIÑOS CONSTATA QUE SOCIALISTAS E NACIONALISTAS INCUMPRIRON O ACORDO PARLAMENTARIO AO RESPECTO

Santiago, 25 de marzo de 2009.- A Proposición non de Lei presentada polo BNG e que se debate hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia sobre a adopción de medidas para evitar a instalación de parques eólicos mariños no litoral galego constata que socialistas e nacionalistas incumpriron  o acordo parlamentario acadado ao respecto hai más de tres anos.

O Grupo parlamentario do PPdeG plantexou hoxe no Pleno unha proposta alternativa á dita proposición dos nacionalistas que, ademais de trasladar ao Goberno central a posición contraria á instalación de parques eólicos no litoral de Galicia e solicitar que se deixe sen efecto o Estudo Estratéxico Ambiental para a dita instalación, inclúe a elaboración por parte da Xunta dun informe sobre as consecuencias do Plan previsto polo Goberno de Zapatero “para que poidamos dar conta de cada un dos aspectos que de levarse adiante ese plan resultaría lesionados e reclamar garantías e os cambios legais que correspondan”, tal como salientou na súa intervención o portavoz para asuntos do Mar, José Manuel Balseiro.  

“Nós non variamos nin un milímetro a nosa posición”, resaltou Balseiro, quen lembrou que en novembro de 2005 a Cámara autonómica xa acordou por unanimidade e a iniciativa do Grupo Popular expresar de xeito rotundo o seu rexeitamento á instalación de parques eólicos mariños no litoral galego “pero PSOE e BNG non fixeron os deberes e agora os nacionalistas queren agochar a súa propia incompetencia”.

O BNG NON ANTEPUXO OS INTERESES DE GALICIA.- Na Xunta bipartita, explicou o deputado popular, “limitáronse a dar traslado do acordo parlamentario, a amosar a súa oposición, pero sen un pulso, sen unha posición de forza”, ao tempo que o BNG “cando puido ser decisivo en Madrid, non antepuxo os intereses de Galicia por riba dos do señor Zapatero”. Nese sentido, lamentou que os nacionalistas non fixeran depender o seu apoio aos orzamentos xerais do Estado “do respecto ao acordo parlamentario acadado en 2005 en relación con este asunto”.

Igualmente, “a Xunta de Galicia da que o BNG formaba parte non formulou alegación algunha contra a normativa que regulamenta a tramitación das solicitudes de xeración eléctrica no mar, cando ese texto estivo informado na Comisión Nacional de Enerxía” e malia que “alí estaba en representación do Goberno galego o director xeral de Industria”.

Balseiro lembrou, así mesmo, que a Xunta bipartita “tamén pecou de inoperancia no tocante ao traballo que tiña que facer”, en referencia ao desenvolvemento do Plano de Ordenación e Usos do Litoral Galego, “do que, no acordo de 2005, facíamos depender o futuro das instalacións eólicas mariñas”. Segundo indicou, a redacción do dito Plano foi licitada polo Goberno do PP en xullo de 2004 e adxudicado por concurso en maio de 2005, pero, malia que desde a Consellería de Política Territorial do bipartito se asegurou o pasado mes de abril que o plan estaba moi avanzado e en disposición de ser enviado en maio “a realidade é que nada disto estaba feito no momento de abandonar o Goberno”.