Lugo, a 8 de maio de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular denunciou hoxe o considerable retraso que están a ter as tramitacións de expedientes por parte da Deputación, só achacable ó revisionismo e paralización administrativa que no seu día aplicaron PSOE e BNG e que está a traer consigo problemas para os cidadáns desta provincia.
O voceiro adxunto dos populares na Deputacion, José María González Barcia, pon como exemplo que na Xunta de Goberno de hoxe, venres, se tramite un expediente de expropiación que comenzou mediante acordo da Xunta de Goberno celebrada o 15 de xuño de 2007.
Este retraso é inxustificable e só achacable á dirección política, enténdase como tal o Presidente da Deputación. Barcia refírese á obra de ensanche e mellora da estrada Navia a Fonsagrada, do p.k. 0’000 ó p.k. 3’600, que está a ser demandada polos veciños de xeito reiterado. De feito, tanto PSOE coma BNG votaron en contra no último pleno da Deputación a unha iniciativa dos populares para impulsar as obras nesta estrada: agora compréndese o porqué de tal voto en contra.
González Barcia puxo outro exemplo da desidia, vagancia e pouca querencia polos intereses dos cidadáns da provincia: na primeira Xunta de Goberno deste mes de maio elevouse a definitivo un expediente de expropiación, aberto hai tres anos, concretamente na Xunta de Goberno do 25 de agosto de 2006, en relación coa obra de acondicionamento da estrada Doiras-Degrada, nun tramo de 1.250 metros, e que pertence ó POS do ano 2005.
Por outra banda, González Barcia indicou que xa é “costume adoptada” polo Presidente da Deputación levar á Xunta de Goberno aprobación de facturas que contan coa disconformidade da Intervención provincial. Se ó longo de este ano xa houbo algún caso, voltou a repetirse na Xunta de Goberno de hoxe porque aprobáronse facturas con disconformidade na súa tramitación por un importe de 108.341’68€. Moitas delas están orixinadas por sevicios que son de obrigada execución no Pazo Provincial e en outras instalacións dependentes da Deputación como poden ser o caso da limpeza, que non contan con contrato, ben por non ter sido prorrogado ou por non ter sido adxudicado, o que demostra unha clara improvisación por parte da Presidencia da Deputación.
Barcia considera que a imaxe que se está a dar é lamentable, porque o equipo humano co que conta a Deputación tén cualificación contrastada. En troques, a Presidencia e o bigoberno provincial formado por socialistas e nacionalistas ten tamén amosado “sobradamente” a súa incapacidade para artellar solucións ós problemas da provincia: “só saben gastar cartos de todos os lucenses en autobombo e propaganda”.