Partido Popular de Lugo

A DELEGACIÓN LUCENSE NO CONGRESO DO PPdeG ULTIMOU HOXE OS PREPARATIVOS DO ENCONTRO

Lugo, a 7 de maio de 2009.- O Partido Popular de Lugo celebrou esta tarde unha xuntanza preparatoria do XIV Congreso do PPdeG, que se celebrará esta fin de semana en A Coruña baixo o lema A maioría somos todos e que se encargará de clausurar Mariano Rajoy. 

O encontro tiña como obxectivo explicar ós participantes o funcionamento do Congreso, así como dar a coñecer a orde do día do mesmo, e resolver calquera dúbida existente, para, deste xeito, favorecer a súa participación. 

A delegación lucense, que estará encabezada polo seu Presidente provincial José Manuel Barreiro, estará integrada por 322 compromisarios, dos que 33 son natos e 12 de Novas Xeracións. Acudirán dende Lugo un centenar de persoas máis en calidade de invitados. 

O programa do encontro, no que Alberto Núñez Feijoo opta a súa reelección como Presidente rexional, incluirá, ademais das intervencións dos catro presidentes provincias e o Presidente fundador Manuel Fraga, a presentación e debate de tres ponencias.

A referida ós estatutos foi redactada por Norberto Uzal, Antonio Rodríguez Miranda e Susana López Abella; a de economía, titulada Estratexias fronte a crise, correu a cargo de Pedro Puy, Carmen Pardo e Daniel Varela e a política, Bases de actuación política para unha Galicia de todos/as, foi elaborada por Gerardo Conde Roa, Raquel Arias, Román Rodríguez e Pedro Arias.