Lugo, a 30 de abril de 2009.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro, xunto co Secretario xeral da formación, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes populares da circunscripción de Chantada, conformada polos municipios de Chantada, Taboada, Carballedo, Monterroso, Antas de Ulla, Palas de Rei e Portomarín.
O encontro, que se celebrou na sede do PP de Chantada, enmárcase dentro dun calendario de traballo establecido pola dirección provincial para pulsar a situación na que se atopa o partido, dende o punto de vista organizativo, de cara á vindeira apertura da campaña electoral ós comicios europeos. Así, o pasado día 23 tivo lugar unha reunión cos representantes populares na circunscripción de A Fonsagrada e está xa prevista para o día 11 de maio a de Vilalba.
Con estas reunións por circunscripcións a dirección provincial do Partido Popular principia a engrasar a súa intendencia electoral, insistindo na mensaxe de que tamén estas eleccións son importantes.
Faise referencia neste senso a que en Bruselas, ademais dun importante reparto de fondos estructurais, adóptanse acordos de gran relevancia e trascendencia para sectores productivos básicos na economía lucense como pode ser, por exemplo, o primario. Dada a situación na que se atopan as explotacións gandeiras, especialmente as leiteiras, ou incluso os pescadores, en opinión dos populares é fundamental que haxa en Europa unha boa representación española, implicada e coñecedora da situación pola que se está a pasar e que, polo tanto, defenda con contundencia e decisión os intereses do país.
Neste senso, o Presidente provincial lembrou que os socialistas non contan coa confianza do electorado, algo que non acontece xa só en Galicia, porque todo o mundo ten claro que as medidas adoptadas polo Goberno para tentar neutralizar a crise e facilitar a recuperación económica non acadaron o seu obxectivo. Non se acomenteu ningunha reforma estructural; segue medrando o déficit público e a cifra do paro dispárase tras superar o 17 por cento e os catro millóns de desempregados.
O PP, na súa opinión, ten as cousas claras, ten alternativas e pode aportar solucións para resolver unha situación que, segundo considera, é insostible.
José Manuel Barreiro tamén fixo fincapé na conveniencia de aproveitar a tendencia alcista na que se atopa neste intre o PP. Neste contexto, animou ós asistentes a aproveitar o tirón que pode supoñer a victoria electoral acadada nas autonómicas, á que, segundo salientou, contribuiu de xeito decisivo a provincia de Lugo, para que os populares tamén nas europeas sexan a forza máis votada.