Partido Popular de Lugo

O GPPP DENUNCIA O CACIQUISMO QUE PRACTICAN OS SOCIALISTAS NA DEPUTACIÓN

Lugo, a 24 de abril de 2009.- O GPPP denunciou hoxe a través do seu portavoz adxunto “o caciquismo e o clientelismo dos socialistas na Deputación”, porque, segundo indicou José María González Barcia, “as solicitudes de subvencións para obras que se conceden a asociacións e comunidades veciñais teñen que pasar forzosamente polos responsables socialistas municipais, tanto onde gobernan como onde son oposición”.

Barcia afirmou que se ten constancia desta situación en múltipes concellos, como Lourenzá, Barreiros ou Portomarín. Segundo explicou, son os propios responsables municipais socialistas quenes se encargan de levar a documentación, entrar en contacto coas asociacións e tramitarlles a petición. “Mesmo se ten coñecemento de que as asociacións vense obrigadas a pasar pola sede socialista correspondente”, engadiu. 

O voceiro adxunto dos populares asegurou que os propios responsables socialistas son quenes asinan, nalgún casos, as solicitudes de subvención.

Para Barcia, esta práctica demostra o “uso partidista” que fan os socialistas da Deputación e “o intento dos mesmos de controlar ós cidadáns a través das asociacións veciñais, nunha mostra clara e descarada de caciquismo e clientelismo político, que os converte e “indecentes políticos e os deslexitima para exercer calquera tipo de crítica”.

González Barcia lembrou que o Presidente da Deputación manifestou no seu discurso de investidura que gobernaría para todos. “Só lle faltou decir que gobernaría para todos os que pensan coma el, esquecendo ós que non o fan”, sentenciou.