A Mariña, 24 de abril de 2009.- O deputado do Partido Popular de Galicia (PPdeG) José Manuel Balseiro Orol deu a voz de alerta sobre a vulnerabilidade da costa da Mariña lucense fronte ao narcotráfico. O parlamentario popular realizou a devandita afirmación despois de ter coñecemento, a través de diversas informacións xornalísticas e varias denuncias sindicais, de que a patrulleira do Servizo de Vixilancia Aduaneira con base en Ribadeo, permanece amarrada no peirao desde o pasado mes de novembro, período durante o cal non realizou ningunha saída. Segundo estas mesmas informacións, das que se fai eco Balseiro Orol, a falta de actividade desta lancha é consecuencia dunha avaría nos seus motores que non foron quen de arranxar desde fai varios meses.
REFORZAR OS CONTROIS.- O deputado popular entende que a inoperatividade desta patrulleira reduce dun xeito significativo os medios de titularidade pública dispostos no mar co fin de loitar contra a acción dos ilegais. Dificulta enormemente o obxectivo de abortar as intencións daqueles que intentan introducir polas costas da nosa comarca drogas e outros produtos do narcotráfico. A precariedade que hoxe presenta o Servizo de Vixilancia Aduaneira con base en Ribadeo, de confirmarse cada un destes estremos, pon de relevo unha grave debilidade deste operativo e, en consecuencia, debera ser conveniente desenvolver as xestións que foran precisas para reforzar os controis, polo menos durante o tempo no que non están operativos os medios marítimos de loita contra o narcotráfico.
QUEIXA FORMAL.- Balseiro quere coñecer se a administración autonómica ten constancia destes feitos e, con este obxecto presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia, así como tamén solicita, de confirmarse cada un destes extremos e, de xeito especial, a falta de reparación desta lancha durante meses, que a Xunta efectúe unha queixa formal diante do Goberno central.
INICIATIVAS PARLAMENTARIAS.- Ao mesmo tempo, o Partido Popular desenvolverá unha acción coordinada cos seus deputados e senadores para que demanden as explicacións oportunas ante o Ministerio de Economía e Facenda, órgano do que depende o Servizo de Vixilancia Aduaneira. En especial quere coñecer cales son as razóns polas que a lancha permanece ou permaneceu amarrada en porto, cal e o motivo polo que non se está a reparar en tempo e forma a avaría detectada nesta patrulleira e se existen medios alternativos ou foi reforzado o servizo de loita contra o narcotráfico nas costas da Mariña lucense, tendo en conta a actual precariedade do servizo.
UN SERVIZO BÁSICO NA LOITA CONTRA O CONTRABANDO.- O Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) é un organismo de carácter policial que desenvolve a súa actividade na loita contra o contrabando. Organicamente depende do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria (AEAT) e, polo tanto do Ministerio de Economía e Facenda. As súas operacións e investigacións están encamiñadas á represión dos delictos e infraccións tipificados na Lei Orgánica de Represión do Contrabando, en todo o territorio español, no seu espazo aéreo, e nas súas augas xurisdiccionais; aínda que, os medios con que conta permítenlle tamén realizar abordaxes de buques dedicados ao tráfico de drogas en augas internacionais. Durante o 2008 os profesionais que integran este servizo lograron a incautación de 234.838 quilogramos de drogas (fundamentalmente cocaína e hachís).